Radio Galega Música limita a 30% os temas musicais en galego

A dirección da CRTVG considera a cota "positiva".
Sánchez Izquierdo, no Parlamento, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press)
photo_camera Sánchez Izquierdo, no Parlamento, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press)

A música en lingua galega ocupa 30% do total de temas que emite Radio Galega Música, canle pública galega integrada na Corporación de Radio-Televisión da Galiza. A cifra, en comisión parlamentaria polo director xeral do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo, xerou diferenzas de criterio entre o propio director e o BNG.

Mentres Izquierdo considerou ese 30% "un mix moi positivo" á hora de normalizar a música galega con outras realidades, a deputada do BNG Olalla Rodil considerou escaso que de 10 cancións tan só tres sexan en lingua galega.  

Rodil recriminou así que o ente público non cumpra “coa lei” e  a súa misión de servizo público coa música galega e coa garantía do dereito de acceso da poboación, especialmente moza, á creación galega e en galego. Nese sentido, instou a que se difunda a música galega e en galego nos medios públicos do país para ser  coñecida e recoñecida tamén pola mocidade.

A deputada nacionalista recalcou que a CRTVG “non está cumprindo a súa misión de servizo público” na difusión musical e cultural e criticou que o director xeral utilizara algúns exemplos que xa non existen como o programa Medio Bolo, en analóxico e dixital, e mesmo xustificase que agora está parado pola pandemia cando en realidade, dixo Rodil,  “gravaron o programa no ano 2018 e 2019 e a pandemia comezou no 2020”.

Precariedade nos directos

Pola súa parte, a portavoz do grupo socialista na comisión da CRTVG, Noelia Otero, alertou de que a aposta da dirección do medio polo recorte de custos "está detrás das eivas nas retransmisións da canle".

Otero presentou unha pregunta oral polas perdas de sinal de entre dous e oito minutos, algo “televisivamente inaceptábel” na retransmisión dun partido de balonmán o pasado 13 de novembro. 

Aliás, a socialistas levou a denuncia do Comité Intercentros da CRTVG -representación do persoal-, que apunta ao “nulo investimento en sistemas para as retransmisións” como motivo da caída na calidade.

Neste caso concreto, segundo o persoal, o medio decidiu cubrir a retransmisión en directo dun partido entre o Frigoríficos do Morrazo e o Barcelona, vixente campión de Europa de balonmán, con mochila telefónica no lugar do sistema vía satélite, de máis calidade e máis caro.

Comentarios