Política

Quinteiro deixa Podemos e seguirá coa acta de Común da Esquerda

A organización Anticapitalistas abandona o partido morado na Galiza.
Paula Quinteiro na tribuna do Parlamento da Galiza (Nós Diario).
photo_camera Paula Quinteiro na tribuna do Parlamento da Galiza (Nós Diario).

Anticapitalistas, organización á que pertence a deputada no Parlamento galego Paula Quinteiro, anunciou onte que abandona Podemos Galiza para "traballar na construción dunha alternativa rupturista co Réxime do 78 que non se limite á súa xestión".

Quinteiro, en declaracións a Nós Diario, sostivo que "o proxecto que se iniciou non ten nada que ver co Podemos de agora" e que esta decisión foi meditada nos últimos meses, mais culminou coa entrada de Podemos no Goberno do Estado en coalición do PSOE, o que entende como unha "subalternización ou renuncia". "Non concordamos coa fórmula", explicou Quinteiro, para engadir que "para ofrecer unha alternativa ás dereitas podíase ter feito un pacto como en Portugal".

Desde Anticapitalistas afirman que "é necesario construír unha esquerda política e social independente do Goberno e que impulse a mobilización social". Así, avanzan que "todas e todos" os militantes da formación "deixan os órganos internos de Podemos Galiza e calquera responsabilidade a nivel nacional e municipal".

Neste sentido, a deputada do Grupo Común da Esquerda salientou que Xaquín Pastoriza deixará de ser o secretario xeral de Podemos en Vigo e que "no mes de marzo", nunha conferencia política, Anticapitalistas determinará a súa relación con Podemos en todo o Estado.

"Podemos non é o mesmo proxecto que lanzamos", incide Quinteiro, que confirma a Nós Diario que seguirá "traballando no grupo parlamentar como até o de agora". Unha circunstancia coa que tamén contaba a portavoz de Común da Esquerda Luca Chao, que apuntou a Nós Diario que non agardaba que houbese cambios e que non se ía pronunciar "sobre as decisións doutras organizacións".

"Estamos seguras de que seguiremos coñecendo a xente de Podemos en moitas frontes onde loitaremos contra o neoliberalismo e o patriarcado, a nivel de rúa e de movemento", afirman desde Anticapitalistas.

Comentarios