Quintana presentará o 21 de febreiro “Somos Nós”, unha plataforma para a “maioría social”

As fontes consultadas por Sermos Galiza afirman que o grupo promotor o compoñen por volta de 200 persoas.

quintana
photo_camera Foto tirada do Facebook de Anxo Quintana

O 21 de febreiro, en Compostela, será a presentación en sociedade da plataforma cívica Somos Nós, que impulsa Anxo Quintana canda persoas moi próximas politicamente a el, entre elas a ex deputada do BNG Ana Luisa Bouza.

Fontes da contorna de Quintana informaron a Sermos Galiza de que o 21 de febreiro comezará un “proceso constituínte” para definir as “liñas programáticas” e os “obxectivos anuais” do que cualifican como “asociación” que ten como principal propósito “non o de refundar o nacionalismo”, senón o de “garantir que Galiza teña existencia política por si propia”.

Que é Somos Nós? “É un movimento cívico transversal de adscrición individual que, entre outras cousas, tenciona a adhesión de xente que até o de agora non tiña tido participación en política”, afirman esas fontes, que esclarecen que a plataforma se vai dirixir á “maioría social”.

“Nisto pode estar todo aquel ao que lle doa Galiza, todo aquel que se rebele contra a situación que vive o noso país e que teña o noso país como único centro de gravidade”

Somos Nós -que tenciona ter presenza organizativa en todo o territorio galego- emprega a forma Galicia, e non Galiza, para se referir ao nome do país.

A escolla do nome da plataforma é unha chiscadela á Xeración Nós, salientan. O nome tamén pretende ser “moderno”. “Nisto pode estar todo aquel ao que lle doa Galiza, todo aquel que se rebele contra a situación que vive o noso país e que teña o noso país como único centro de gravidade”, resaltan.

O grupo promotor de Somos Nós vano constituír por volta de 200 persoas, de procedencia moi “diversa” e “plural”, entre o “nacionalismo” e o “galeguismo”, “levando en conta que para nós esas palabras son sinónimos”, conclúen.

Comentarios