A Quinta insiste na necesidade de integrar O Bierzo, “nunha situación penosa”, na Galiza

Héctor Fernández, membro desta plataforma social, advirte en calquera caso que pensan nun territorio conformado antes como provincia. Na súa opinión, a situación ideal sería poder convocar un referendo pois O Bierzo síntese esquecido pola Xunta de Castela e León.
O protagonista deste Diálogos desde a periferia. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O protagonista deste Diálogos desde a periferia. (Foto: Nós Diario)

“Non pedimos nada que non existise; o que máis lle interesa ao Bierzo é estar na Galiza”. Así de claro se amosou esta quinta feira Héctor Fernández, membro do colectivo A Quinta, na sesión Diálogos desde a periferia organizada pola Fundación Galiza Sempre e titulada “O Bierzo e o dereito a decidir”.

Fernández, que xa non é un descoñecido para a comunidade de galegas e galegos polas accións que vén levando a cabo a plataforma social, incidiu na necesidade desa integración porque a zona está agora nunha “situación penosa”.

Así aludiu, por exemplo, á falta dun motor económico e e a unhas infraestruturas peores á do resto da comunidade. Neste sentido, destacou que a idea é “marchar para mellorar” pois senten que teñen intereses comúns co país.

“A Xunta de Castela e León está lexislando pensando nas provincias de Castela e León pero O Bierzo ten unha realidade distinta”, comentou, recoñecendo que cre que non é á mantenta pero que os intereses do Goberno non pasan por esa zona da periferia.

Desde A Quinta non teñen como obxectivo prioritario defender unha “historia e unha lingua común”, pois xa hai outras entidades que o fan, senón unha cuestión de reparto administrativo que xa existiu.

Iso si, o principal é conseguir o estabelecemento da zona como provincia para logo entrar na Galiza e non inserirse en Lugo ou Ourense.

Precisamente tamén falou sobre as comarcas fronteirizas, ás que cre que a inclusión desa quinta provincia podería fornecer uns servizos máis prácticos e próximos.

Fernández lembrou que xa conseguiron chegar ao Parlamento galego para que se abrisen ás portas a esta posibilidade, se ben o ideal desde o punto de vista do grupo sería poder organizar referendos quer en Galiza (onde habería que modificar o Estatuto de Autonomía), quer no Bierzo para decidir se a veciñanza quere pasar a ter provincia propia e, despois, de que territorio quere formar parte.

Comentarios