Quince días para a vertixe

O repetitivo cualificativo de trascendentais con que se adoita alcuñar todas as eleccións acáelle como anel ao dedo á cita coas urnas do 28 de abril, comicios aos que se chega após meses de precampaña estatal marcada polo ruído mediático e a polarización. E Galiza? A resposta está por escribir. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 342 do semanario en papel Sermos Galiza.

E sta quinta feira arrancan as dúas semanas de campaña electoral para o 28 de abril. Unha cita coas urnas ás que se chega con 65% dos galegos e galegas cualificando de “mala” ou “moi mala” a situación política actual e co 56% outorgando os mesmos cualificativos á situación económica, segundo a macroenquisa do CIS. Case 2,7 millóns de persoas -457.000 delas residentes no exterior- teñen dereito a votar nestes comicios na Galiza, 3.300 menos que en 2016, o que é outro indicativo máis de dous graves problemas que padece o país, a perda de poboación e a emigración, e que apenas ten reflexo na axenda do debate mediático-político para o 28A, unha axenda cada vez máis madrileñanizada.

“Son unhas eleccións cruciais”, aponta o profesor e ensaísta Antón Baamonde, que sitúa os comicios no marco dunha “vontade crecente de recentralización” que o Estado español vive desde a sentenza de 2010 sobre o Estatut.

Para María Pilar García Negro, profesora da UDC e escritora, a campaña e os comicios non deberían enfocarse como “unha competición onde demostrar quen é o mellor” senón que o fulcral é “garantir que de forma directa e unívoca” Galiza estea representada. E iso, aponta, “que Galiza exista como nación, non como mera zona ou circunscrición”, só pode garantilo o nacionalismo.

Miguel Bastos, profesor de Ciencias Políticas na USC, ve que “Galiza está como apartada” nesta competición electoral, o que considera unha consecuencia de que “a axenda estatal ten moito peso na Galiza”, anulando ou deixando fóra os temas propios. Expresa a súa perplexidade polo feito de que “os vascos” logren o traspaso de competencias dunha autoestrada mentres se lle nega esa mesma transferencia a Galiza e que iso non xere unha reacción unánime e “contundente” contra o que entende que é “unha aldraxe”.

García Negro non ten dúbida de que o país é “marxinado e desprezado” polo Estado español independentemente de quen goberne o mesmo. “E desde logo non axuda que teñamos aquí un Goberno galego que é un desastre, que mesmo se gaba de non querer competencias”.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 342 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
 

Comentarios