Convocan 15 asembleas comarcais abertas para organizar un bloque independentista no Día da Patria

Independentistas agrupados na campaña ‘Día da patria 2015’ reivindican a necesidade de que o 25 de xullo se evidencia que Galiza quer “dar resposta como pobo” aos problemas que sofre e apostan en “romper amarras con España”. Vídeo no interior

Independentista

Desde hai uns días, e baixo o nome ‘Día da Patria 2015’, nas redes sociais -e non só- está a callar unha iniciativa na que se agrupan diferentes persoas que pulan por organizar “un amplo e plural bloque popular pola ruptura democrática e a independencia nacional” que faría parte da mobilización unitaria que está a tomar forma de cara ao 25 de xullo. Varias destas persoas compareceron esta segunda feira para informar de que se vai realizar unha quincena de “asembleas comarcais independentistas de asistencia libre” e que teñen como finalidade deseñar e implementar a campaña independentista de cara ao 25X e o mencionado bloque “pola ruptura”. Valoraron positivamente tanto a resposta de organizacións políticas á chamada a unha manifestación unitaria o Día da Patria, como o feito de que nas redes sociais numerosas voces se implicasen nesa finalidade.

De cara á posibilidade desta manifestación unitaria e conxunta, apostan pola importancia de “tratar de transmitir á sociedade a necesidade de romper amarras con España” como único “horizonte posíbel” no que como pobo poder facer fronte a problemas tales como empobrecemento, desemprego, “emigración, espolio territorial ou asimilación”.

Entenden que Galiza ten uns problemas específicos aos que “temos que dar resposta como pobo”, unha resposta que propoñen en base á ruptura democrática e a independencia nacional.

Comentarios