A quimera centrista e a pulsión centralista complican a vida a Pablo Iglesias

Teño a sensación de que Podemos é hoxe unha forza política máis antipática do que hai uns meses e que a cousa ten pinta de ir a peor.

rioboo-crop
photo_camera Breogán Riobóo, no centro da imaxe


É probábel que pasasen a mellor vida os días de viño e de rosas para a formación dos círculos, aquela época en que en determinados ámbitos -a comezar polos platós televisivos- gozaba de bula para todo. Días en que as críticas a Podemos se voltaban como un boomerang contra quen as formulaba. Eran o guay, o moderno, a esperanza branca, etc. Os seus críticos eran rancios e obsoletos e todo por aí fóra.

Xa non é así. Agora Podemos xa non surfea ningunha onda. O 24M mostrou certos límites, nomeadamente nas eleccións autonómicas. O promedio que obtivo foi do 15%. Unha marca notábel para unha forza emerxente, mais un teito demasiado baixo para quen gasta retórica hexemonista e declara como obxectivo ser primeira forza e derrotar o PP de Rajoy.

En realidade, os problemas de Podemos son no mínimo tácticos. No taboleiro non só xoga un xogador. Todo movimento das brancas é respondido por unha manobra das negras. Podemos comezou a partida cunha táctica moi clara, agresiva, admirábel pola súa orixinalidade. Un Partido Nacional Español (PNE), nen de esquerdas nen de dereitas. Un PNE inter-clasista cun discurso directo: os de abaixo, que son a inmensa maioría, contra os de arriba. Algunhas palabras de orde máis ou menos radicais, as máis rupturistas [nacionalización de setores estratéxicos da economía, quita da débeda, renda básica para toda a cidadanía], rapidamente abandonadas. E sobre todo o culto ao Novo como fetiche, como deus ex machina cuxa só invocación -somos virxes, nunca estivemos nas institucións, non cumprimos os 40 anos- fose abondo para abrir as portas do paraíso e expulsar do templo os mercaderes. Estética cristiá, mesiánica, máis do que marxista.

En realidade, os problemas de Podemos son no mínimo tácticos. No taboleiro non só xoga un xogador. Todo movimento das brancas é respondido por unha manobra das negras

O problema é que xogaron as brancas e responderon as negras. E as negras responderon pondo sobre o taboleiro unha nova peza. Ciudadanos, o partido de Albert Rivera. Aí comezaron os problemas para Podemos. Había outro actor o disputar o caladoiro do centro. Outro alén do PSOE. 

Nese momento, o cerebro colectivo de Podemos cruzou dúas variábeis posíbeis, despois de repasar o banco de dados, as incontábeis partidas disputadas en millentos taboleiros. Basicamente había dous cenarios hipotéticos. O primeiro, non alterar o rumo, manter a táctica, un pouco ao estilo Rajoy. Isto é, continuar co discurso centrista. Afastarse da esquerda. Fialo todo á conquista do centro. O segundo, repregarse e reprogramar. Lanzar a campaña desde a esquerda, disputar o xogo desde un punto intermedio entre a social-democracia e o rupturismo.

No primeiro cenario, Íñigo Errejón. No segundo, Monedero. Gañou Errejón e Pablo Iglesias lanzou as xa míticas invectivas contra Izquierda Unida, aquilo de que se cozan coas estrelas vermellas, un pouco antipático, visceral, como destilando rancor por vellas feridas (cantas veces non terá pensado Cayo Lara en que talvez tería sido mellor acomodar o profeta da Tuerka na lista de IU ás europeas!!).

O centrismo non leva a ningures. O centro, en política, en realidade non existe

A vía Errejón parecíame naquela altura un erro e acho que os últimos desenvolvimentos confirman esa impresión. Todos os problemas de Podemos adveñen diso. A vía Monedero (basicamente a anexión de Izquierda Unida polo vieiro da unidade popular) colocaría o mundo Podemos en moito mellor disposición de disputar a batalla da esquerda ao PSOE. O centrismo non leva a ningures. O centro, en política, en realidade non existe. Podes achegarte ao centro, si, mais a condición de que primeiro reines nun dos dous flancos, a dereita ou a esquerda. Aliás, ninguén triunfa en política botando as raíces nas posicións tépedas porque elas son voláteis por natureza e tan axiña están contigo como contra ti.

O ataque desaforado de Iglesias a Izquierda Unida provocou o rearmamento do combo de Alberto Garzón e dese lance naceu Ahora en Común, unha plataforma basicamente hexemonizada pola formación que ten o PCE como forza matriz. Ahora en Común conecta no imaxinario colectivo con Ahora Madrid e con Barcelona en Común e no mínimo vai dividir o eleitorado de esquerda ao que Podemos, embora o seu centrismo discursivo, tamén se dirixe.

O ataque desaforado de Iglesias a Izquierda Unida provocou o rearmamento do combo de Alberto Garzón e dese lance naceu Ahora en Común

A quimera centrista debilita portanto a Podemos, que agora está en terra de ninguén. Súmenlle a iso o acceso de xacobinismo que o partido de Iglesias acaba de manifestar coa súa proposta de conformación das listas para as xerais e o panorama ensaríllase aínda máis para a organización podemita. Non cabe imaxinar deseño máis centralista dunhas primarias para unhas eleccións lexislativas que o de propor unha circunscrición única e unhas listas “plancha” que, como ben se sabe, reproducen sempre a vontade do líder. O paradigma do caudillismo español. De novo o retorno ao PNE: non admira ver na lista dos elixidos de Pablo Iglesias a un garda civil.

O virus centralista produce anticorpos e até na organización galega de Podemos, en liñas xerais bastante fiel ao Chefe, se produciron algunhas mostras de descontentamento, pouco sentido se lle ve a que en teoría un candidato de Cádiz puidese elixir apresentarse nas xerais pola provincia da Coruña, iso non o defendeu nen a Alianza Popular dos 7 magníficos de Fraga.

O paradigma do caudillismo español. De novo o retorno ao PNE: non admira ver na lista dos elixidos de Pablo Iglesias a un garda civil.

Ese abrupto rebento de centralismo -que é manobra calculada, nada deixan ao azar os profesores de Políticas da Complutense- está dirixido a disputar votos a Albert Rivera, conspicuo anti-nacionalista, mais cortocircuita en non pouca medida as pontes con atores políticos como a Anova de Beiras ou mesmo cos sectores independentistas de Iniciativa per Catalunya. Non se pode ter todo, don Pablo.

Así están as cousas no taboleiro. A partida vai ser longa. Mais Podemos-Errejón está a mostrar unha enorme rixidez táctica e dá a imprensión de que Iglesias non moverá banco até despois de falaren as urnas. Agardará talvez a quenda Monedero.

Estes días Bregoán Ribóo, o secretario xeral de Podemos Galiza, comproba nas súas carnes que non se pode servir a dous señores

Esa rixidez táctica amarra Podemos á defensa fetichista da súa marca e das súas siglas. En troca, aí acertou o BNG, ao abrir o campo e ensanchar os límites, na súa aposta por unha candidatura galega de unidade nacional ao Congreso. Estes días Bregoán Ribóo, o secretario xeral de Podemos Galiza, comproba nas súas carnes que non se pode servir a dous señores: a soberanía ou a tes ti para decidir como elixes os teus representantes ao Congreso -en circunscricións galegas- ou a ten Madrid -en circunscrición española. A soberanía non é divisíbel. Se ten ou non se ten. Ou se está no espazo nacional galego ou se está no espazo estatal español. That´s the point.

Comentarios