Deputada de maior idade

Isaura Abelairas (PSdeG): "Quero representar esas mulleres que saíron do campo e loitaron"

Isaura Abelairas naceu en xuño de 1951 e, por idade, correspóndelle presidir a mesa de do Parlamento o vindeiro 7 de agosto. Esta mestra, filla dun republicano represaliado, chega ao Hórreo avalada por unha extensa experiencia municipal no concello de Vigo durante varios mandatos. 
IsauraAbelairas
photo_camera Isaura Abelairas

—Que supón, a nivel persoal, esta acta de deputada para vostede? E que lle parece ter a tarefa de presidir a mesa de idade?

Xa me tocou presidir a mesa de constitución da Deputación de Pontevedra. Presidirei de novo esta mesa porque teño unha idade e tamén porque o meu partido confiou en min.

Levo moitos anos na política municipal, tiven moita responsabilidade e tamén o mellor mestre que se pode ter, como o é, como foi e como segue a ser Abel Caballero, pero cando me propuxeron acompañar Gonzalo nesta aventura, supuxo ademais do recoñecemento do meu partido un recoñecemento ao feminismo. Un recoñecemento a unha muller que loitou, desde que naceu, pola igualdade e que xa traballou pola igualdade na Deputación de Pontevedra. 

Que se valore e que se teña en consideración que unha muller de 69 anos ten aínda moito que dicir é, para min, un recoñecemetno ao feminismo. Quero representar esas mulleres que, coma min, saíron do campo e que loitaron, coma a  miña nai, a miña avoa... Todas as que saímos do campo e nos formamos para poder devolverlle á sociedade o que nos deu. No meu caso, non pensaba ter tanto percorrido político, pero tampouco penso que teño a idade que teño, eu penso que teño 40 anos e, de feito, conservo a mesma ilusión. 

Son unha muller de partido  e nesta lexislatura achegarei a experiencia da política municipal, onde se fai política real coas cidadás e os cidadáns. Chego nunha lista con xente moi nova e aí estou para axudalos mais para aprender deles.

—Xurará ou prometerá a súa acta? Ten pensando algún alegato para ese momento?

Son moi respectuosa coas institucións, absolutamente respectuosa, e  creo que as leis se cambian nos parlamentos. Unha ten as conviccións que ten, eu son republicana e non podería ser doutra maneira vindo de onde veño. Pero sendo respectuosa coas institucións non considero que deba facer ningún alegato no momento de prometer. Si respecto que outras persoas o fagan, pero non me parece que sexa nin sitio nin o momento para reivindicar o que se supón que é xa o teu ideario.

—De que área de traballo lle gustaría formar parte, se é que ten algunha preferencia?

Desenvolvín o meu labor político no concello en distintas áreas, desde Vías e Obras a Política Lingüística, pero onde eu realmente me sinto moi cómoda é na educación, xubileime como mestra pero non deixei nunca de estar vencellada coas mestras, coas asociacións... 

A miña carreira comezou como mestra rural nos Ancares e desde aí, desde que estudaba maxisterio xa, traballei por conseguir un ensino público de calidade, loitamos por baixar as ratios, por unha escola integradora, con profesorado de apoio nos centros para poder atender a diversidade educativa... 

Creo que soamente coa educación se pode transformar un país. Sigo crendo na importancia da escola pública porque é a que nos iguala a todas e a todos. Non me opoño ao ensino privado, pero si estou en contra de que se subvencione con diñeiro público. No seu momento houbo que concertar cos centros privados porque non eran suficientes os públicos para acoller todo o alumnado. Pero eses concertos, nalgún momento da nosa historia, teremos que acabar con eles. 

Por outra banda, tamén fun concelleira de Benestar e logramos fitos que hoxe están a dar resultados e que foron tan importantes como a creación do Centro de Integración Social, que era o único público da Galiza, axudas a comedores sociais... Traballamos as distintas formas de chegar ás persoas con dificultades. Agora volvemos a unha situación de crise, onde a xente nova  non ten moita oportunidade de atopar un emprego, que é no que hai que centrarse.

—Cales diría que son os seus puntos fortes e os seus puntos febles?

A min só me para a saúde, a vontade non me detén. Vou estar onde diga o secretario xeral do meu partido e candidato Gonzalo Caballero. Desde o minuto cero estarei facendo o traballo que me corresponda, falando no nome da cidadanía e reivindicando aquilo no que sempre acreditei, a igualdade. 

Defendendo ese feminismo das mulleres rexas galegas que traballan e que teñen tan pouco recoñecemento.  Porque no rural e na cidade son as mulleres as que se encargan do coidado dos maiores, das persoas dependentes... Porque se hai que acouparse dalguén son as mulleres as que deixan o seu traballo, se o teñen fóra. As mulleres están a traballar en condicións indignas e para conseguiren traballar teñen que superar moitas dificultades.  

—Como valora os resultados electorais e, en particular, os obtidos pola súa formación?

Díxeno no comité, "non andeamos con medias tintas, porque perdemos". Pero tamén partimos dunha situación moi complicada logo do Covid-19. O goberno de España todos os días contaba o que estaba a pasar e o de Galiza entraba a diario na TVG para dicir que estaba todo mal. Isto non pasou noutras comunidades, aquí había un presidente con ese altavoz a dicir que todo se facía fatal, pero as competencias en Sanidade e en Servizos Sociais sempre foron da Xunta. E Feixóo foi listo e dixo, "cando me convén convocar as eleccións? Agora", e houbo xente que tivo medo de ir votar porque tiña que desprazarse. 

Pero hai que mirar ao futuro, queda un traballo inxente do partido socialista para explicar as nosas políticas.

Comentarios