Carmen Santos, candidata de Podemos para Todas

“Queren quitarlle o poder ao secretario xeral para darllo ao secretario político”

Carmen Santos é a secretaria xeral de Podemos Galicia e nesta entrevista fala con moita clareza, e crueza, sobre o confronto co errejonismo que está a marcar o tenso desenvolvimento do segundo congreso estatal do partido morado. Para Santos, Errejón e os Anticipalistas queren un "líder carente de poder político" suficiente para levar a termo o seu proxecto. E opina que a maioría das bases da organización na Galiza non está pola dupla militancia en Podemos e na Marea. 

Carmen Santos
photo_camera Carmen Santos

-Sinteticamente, cales son as propostas de Podemos para Todas para Vistalegre II?

-A principal proposta é devolverlle o poder aos círculos e ás bases, para que volva un pouco o espírito fundacional e deixar un pouco este período eleitoral da máquina de gañar. Podemos ten de voltar a ser esa ferramenta de participación cidadá real. Temos que ser un reflexo da sociedade á que lle queremos poñer voz e que queremos que teña unha vida máis digna. Para iso é fundamental facerlle fronte aos nosos adversarios dunha maneira valente e coa loita tanto através de facer política na rúa como nas institucións, pero máis focalizado en estar coa xente.

Temos tamén varias propostas referentes ao programa organizativo para matizar certas dinámicas dos órgaos e mesmo tamén a respeito do financiamento de Podemos. Nese sentido propomos que se destine o 75 por cento das doazóns que veñen dos salarios dos cargos institucionais para descentralizar o poder da organización através dos propios círculos e manternos así independentes dos bancos como até o de agora. Hai que darlle voz aos círculos, igual que ás bases de inscritas e inscritos, nos procesos de fusión ou non fusión con outras organizacións, coas confluencias. Que se consulte moito máis ás bases. Os órgaos non poden substituír o poder de decisión da xente.

-Dirías que os círculos terían que ter máis protagonismo do que tiveron nesta etapa?

-Si, porque ao final hai órgaos, consellos cidadáns que intentaron suplantar as decisións das bases. Por exemplo, na Galiza foi o que pasou. As bases votaran que querían unha candidatura en coligazón con En Marea, pero nunca diluídos, e ao final o Consello Cidadán fixo un posicionamento sempre en contra do documento político votado polas inscritas e os inscritos.

-Conforme nos achegamos ao acto final de Vistalegre II [o conclave comeza esta sexta feira e o domingo vaise coñecer o resultado das votacións telemáticas] está a medrar a tensión, cunha enorme agresividade na confrontación. A que atribúes este exceso de ruído que se percibe?

-Ben, hai persoas que tiñan unha estratexia de campaña moi definida. Hai unha proposta de Recuperar a Ilusión [candidatura errrejonista] e Podemos en Movimento [Anticapitalista] tramposa onde se di que se quere o secretario xeral, pero se quere un secretario xeral carente de poder político para liderar o partido, como se fose de cartón e que non tivese máis do que unha función de voceiría. Iso é enganar un pouco as inscritas e os inscritos, cando se está marcando esa liña estratexia de “nós queremos o secretario xeral, vota a nosa candidatura porque ao final imos decidir nós por el e por vós”. Ao final había que falar con clareza para que a xente cando vote o saiba. Se tensiona cando se di a verdade. E nós estamos aquí para dicer a verdade”.

Carme 1

-Cres que desde o errejonismo se quer un líder maniatado?

-Nós cremos que si. Non só eu persoalmente. Hai moita xente que o temos clarísimo. Non entendemos como se pode querer quitarlle o poder ao secretario xeral para darllo ao secretario político. É facer trampas no que se está xogando aquí.

-Estás de acordo con que a liña de Iglesias a respeito do PSOE é moito máis agresiva do que a liña de Errejón?

-Non é certo que sexa máis agresiva. É unha visión moito máis realista, dentro da realidade e da dureza na que están vivindo moitas cidadás e cidadáns. Hai moita frustración social e dela participan moitísimas persoas votantes do PSOE, que estaban de acordo con nós en que non querían un goberno do PP e que agora teñen Rajoy investido polos votos do partido socialista. A situación é dura, con moitísima xente que non chega a fin de mes ou non pode pagar o recibo da luz, e por iso temos que ser duros e contundentes.

-A candidatura de Errejón desliza a idea de que Podemos para Todas non estades interesadas en gobernar...

-Iso é absolutamente falso. As típicas ideas que se din cando non hai argumentos de peso de verdade e non se quere recoñecer que o que se quer ter é o control da organización e do aparato. Nós queremos gobernar porque sabemos que gobernando é a maneira de cambiar as cousas. O único que dicemos é que non somente pisando moqueta se cambian as cousas. Que se non houbera as mobilizacións das mareas brancas, das mareas verdes, e se non houbese unha sociedade civil totalmente envorcada en mostrar a repulsa coas medidas do PP co apoio do PSOE, pois non tería habido cambio político. Iso é o que defendemos para gobernar e para transformar este país. Porque gobernar para facer o mesmo non é o noso obxectivo. Nós viñemos aquí para cambiar este país, para que sexa máis xusto e mellor para a maioría social.

-Que propostas tendes para descentralizar o funcionamento de Podemos?

-Pois que a xente decida. Ou sexa, que as asembleas territoriais, as galegas e as municipais, podan realizar as súas propias consultas en base a documentos, en base a propostas, con perguntas claras, non perguntas de si ou non, senón perguntas claras onde a xente teña capacidade de debater e participar. Esa é a maior descentralización. Que a xente decida e decida sobre o futuro de Podemos. E, ademais, os que predican tanto a descentralización e a plurinacionalidade son os que máis interviñeron, o errejonismo foi o que máis intentou intervir, nas decisións dos territorios. Eu falo en primeira persoa. Pese ao que puidese parecer, houbo moito máis intervención por parte do errejonismo na estratexia de Galiza do que por parte da equipa de Iglesias e do propio Iglesias.

-Se Errejón perde, cres que ten que continuar a ser o portavoz parlamentar?

-Ese é un debate que teñen que dar no grupo parlamentar de Podemos. Igual que a min non me gusta que se metan nas decisións do noso grupo parlamentar de En Marea ou na executiva de Podemos Galicia, non vou opinar a respeito das decisións que teñan que falar no grupo parlamentar de Unidos Podemos.

-A respeito da relación de Podemos con En Marea, a vosa candidatura é partidaria de que exista dupla militancia?

-Nós o que teremos que ver é que o plantexamento político se vai facer desde o que é Podemos Galicia. Iso é algo que se ten que decidir aquí e téñeno que decidir as inscritas e os inscritos de Podemos Galicia. Nestes intres dentro das bases non se ve con bos ollos a dupla militancia. Ao mellor están inscritos [no censo de En Marea] para poder participar nos procesos como cidadás e cidadáns, mais non para ocupar cargos orgánicos en ambos espazos. Habería unha incompatibilidade. Poderían entrar en contradición as liñas estratéxicas. Imaxínate a hipótese dunha votación das inscritas e inscritos de Podemos, imaxínate que ti es un cargo orgánico de En Marea e, ao mesmo tempo de Podemos. Pois ben, se as bases de Podemos votan unha cousa e as de En Marea votan outra, como resolves o conflito de interese? Por iso, en principio estaríamos a favor de participar como inscritas e inscritos en ambos espazos, mais non a favor de ocupar cargos orgánicos porque en ocasións poderían entrar a contradicer a vontade das bases.

Comentarios