Feixoo chega ao último debate do Estado da nación da lexislatura dous corpos por detrás da oposición, din os datos das eleccións da pasada primavera. Mais el é un especialista en remontadas. Feixoo galopa con desvantaxe pero faralle sentir o seu alento a Caballero, que non pode ir o Parlamento cantar o temario como se alí bastase con meter cóbados para aprobar.
Feixoo, canso do pasado, mira cara a próxima década
O PP non quere perder moito tempo en “cuestións alleas a Galiza”, dixo Pedro Puy a segunda feira, xusto antes de advertir os condicionamentos que supoñen “a situación política española e a situación da economía internacional. Puy insistiu en que o presidente mirará “cara adiante” no seu discurso, e onte a oficina da Presidencia precisou ese futuro: a próxima década, colocando como moutas “os tres próximos Xacobeos”.
O desgaste do PP é evidente se miren os números que se miren, e o propio líder popular tamén perdeu encanto. Xa non o reclaman en Madrid. Faise maior (58 anos) e non avanzou o que prometía na xerarquía do partido. Antes do debate marchou dar unha volta pola Arxentina para coller folgos. Veremos que trouxo. A oficina da Presidencia avanzou parte do cadro que pintará Feixoo con “doce medidas para doce meses [os que faltan até as eleccións]”.
Feixoo, un presidente con pouco futuro, venderá a ilusión dunha próxima década tan marabillosa como (tampouco) o foi esta.
A oposición intentará desvelar o engano e pintará un cadro atroz da década de Feixoo. Iso enténdese ben na rúa, onde se sofre.
Caballero, limitar danos
O candidato (aínda non líder) socialista ten que vender 1) a si mesmo como alternativa a Feixoo, e 2) ao seu partido como alternativa ao PP.
Caballero recortou a axenda esta semana. Leiceaga substituíno na rolda de prensa da segunda feira e na terza dedicou o día a preparar a súa intervención. Máis que propostas, o que se espera do aspirante socialista é que saiba devolver as lapadas que lle choveran en forma de críticas a Sánchez. O PP acusouno esta semana de ser un “pelota” de Sánchez. Necesita liberarse desa imaxe.
A segunda tarefa parecía hai un mes moi sinxela. O PSOE ía con vento a favor. Pero agora o PSOE vén de facer algo que nunca fixera: empezar a traizoar o seu programa electoral antes de formar goberno, e por riba provocando unhas novas eleccións no Estado.
Caballero non pode empezar a perder a vantaxe un ano antes das eleccións.
Antón Sánchez, no peor dos papeis
Cando hai un mes o Grupo Común da Esquerda decidiu reorganizar as portavocías, non contaba con presentarse neste debate en plena pre-campaña electoral e sen ter resolvido a cuestión da coalición entre os tres socios nin moito menos o acordo e a candidata ou candidato para as galegas de 2020.
Antón Sánchez asume o rol de adversario de Feixoo convencido de que o presidente “intentará fuxir do debate real” para despois aplicar “a máquina de fume” dos medios de comunicación e cargar “a atención e toda a responsabilidade sobre a política estatal”.
Feixoo non vén render contas, explicaba na terza Sánchez camiño dunha concentración con deputadas e traballadores de Alcoa Coruña. “Pero nós botarémoslle as contas”, advirte. Como portavoz dos comúns, repasará o estado do emprego, do sistema sanitario, do sistema financeiro, da ordenación do territorio, do medio ambiente… O relatorio completo dun horror que, teme o deputado, non vai deixar pegada nin en Feixoo nin nos medios de comunicación do país.
Ana Pontón, coas mans libres
A única líder consolidada na oposición pertence ao BNG. Polo de agora, Feixoo non teme a Ana Pontón. E o Bloque ten as mans libres. Non está condicionado polos límites da disputa política que, para as forzas estatais, están ben definidos polo que acontece en Catalunya. Nesa situación, Pontón é a única que pode opoñer un programa alternativo ao de Feixoo. Empezando pola reforma estatutaria, a reforma fiscal, a do financiamento, a da política enerxética, a da política ambiental, da lingüística ou a blindaxe dos servizos públicos.
Pontón avanzou esta semana as liñas dun programa antagónico (e inasumíbel) polo PP (veremos se chega o caso, polo PSOE). Remarcar ese antagonismo coas políticas colonialistas de Feixoo é sinxelo. O difícil, como apuntou Antón Sánchez, é que iso vaia deixar pegada en Feixoo ou nos medios do país.
Luís Villares, esperando a Errejón
A urxencia de Luís Villares e os tres deputados que o acompañaron até o Grupo Mixto na ruptura cos antigos socios é demostrar que son un actor na política galega que merece a confianza de Íñigo Errejón para que Más Madrid expanda o franquiciado a Galiza e salve da desaparición electoral ao que queda de En Marea.
Segundo o exposto na súa comparecencia de hai dous días, Villares parece que enfocará o discurso a demostrar o seu sentido “de Estado”, ofrecéndose para contribuír “á gobernabilidade do Estado”, con pé e medio no campo das demandas sociais. Galiza vive unha situación de emerxencias, reflexiona En Marea: a climática, a feminista, a das desigualdades, a das liberdades… Un discurso asumíbel por unha esquerda como a de Errejón e que non se diferencia moito tanto do dos seus antigos socios como para andar separados.
Villares cabalgaba na primavera de 2016 con dous corpos de vantaxe sobre Feixoo. Nin o viu pasar… despois, sucedeu todo o demais. A oposición está nun punto moi parecido ao que estaba hai catro anos, co agravante de que Feixoo leva catro anos máis de presidente.
Así as cousas, quen se atreverá hoxe a prender a primeira vela do enterro de Feixoo?