Análise

Quen está detrás de Tahoces e de Justo de Benito?

Din que o procesamento dos dous ex altos cargos da Xunta non causou sorpresa no seo do PPdeG.
Ángel Bernardo Tahoces, Justo de Benito e Borja Verea. (Foto: Nós Diario) #xunta #imputación #pp #ángelbernardotahoces #borjaverea #justodebenito
photo_camera Ángel Bernardo Tahoces, Justo de Benito e Borja Verea. (Foto: Nós Diario)

O procesamento de Ángel Bernardo Tahoces e de Justo de Benito Basanta non provocou sorpresa ningunha na cociña do Partido Popular da Galiza. A destitución do primeiro como director xeral de Enerxía e Minas en novembro de 2020 e a súa recolocación como xerente da Axencia da Industria Forestal, así como a substitución do segundo como secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental en 2016 e a súa blindaxe na embaixada española en París adiantaban un panorama xudicial complicado. Neste sentido, fontes populares afirman que a causa aberta contra ambos pola reapertura da mina de Varilongo, en Santa Comba, “era agardada”.

A sospeita paira sobre a xestión de Bernardo Tahoces desde hai anos. Foi secretario xeral da Consellaría de Medio Rural durante a crise das vacas tolas, a onde chegou pola súa amizade co conselleiro Castor Gago e de onde saíu destituído por Manuel Fraga. Foi tamén presidente do Partido Popular de Santiago de Compostela a comezos da primeira década do século XXI e deputado entre 2005 e 2009. Destacou neste período pola súa oposición á política industrial do bipartito e moi, particularmente, polas súas críticas ao plan eólico. Precisamente, neste momento fixo grandes relacións entre as compañías do sector enerxético que, unha vez retornado o PP á Xunta, promoveron o seu nomeamento como director xeral de Enerxía e Minas.

A decisión de Alberto Núñez Feixoo de nomear en 2009 Tahoces como director xeral de Enerxía e Minas sorprendeu máis de un. A este respecto, persoas coñecedoras daquel nomeamento lembran que Bernardo Tahoces “enfrontouse a Feixoo no proceso de sucesión de Fraga e como presidente do PP de Compostela apoiou a Cuíña”, dimitindo dos seus cargos tras ser derrotado polas bases da formación na localidade.

“Tahoces nunca tivo peso no partido, era unha persoa de palla de Dositeo Rodríguez e de David Pillado, de feito Feixoo déixao fóra das listas electorais en 2009 e recupérao para o Goberno para botar abaixo o plan eólico do bipartito”, indican estas fontes, que o sitúan “en todos os traballos delicados realizados na consellaría desde aquela”. 

Justo de Benito Basanta é outro imprescindíbel nos Executivos de Fraga e Feixoo. Ligado politicamente ao clan organizado en Lugo arredor de Francisco Cacharro, alto  cargo da Consellaría de Familia e Emprego na etapa de Manuela López Besteiro, as súas primeiras responsabilidades na área de Medio Ambiente da Xunta da Galiza ocupounas no último Goberno de Fraga, ás ordes de José Manuel Barreiro, recuncando a partir de 2009 a ese mesmo departamento. A súa sinatura está estampada en múltiples expedientes relacionados con concesións administrativas en materia mineira e enerxética, cualificándoo un antigo compañeiro de traballo como “a persoa que tiña a Consellaría de Medio Ambiente na cabeza”.

O Partido Popular dá por descontado o custo político do procedemento contra Tahoces e de Benito pero tenta evitar que a causa chegue a Borja Verea e ao propio Feixoo. Verea, parlamentario no Hórreo, presidente da xestora do PP en Santiago de Compostela e probábel candidato da formación á alcaldía da capital da Galiza, librouse de acudir ao xulgado canda Tahoces e De Benito pola súa condición de aforado.

Ao tempo, o feito de estar imputados dous altos cargos pertencentes a departamentos diferentes da Xunta apunta a ordes dunha instancia superior, se ben esta é unha cuestión que aínda están a investigar.

Comentarios