DJIBY FALL, SENEGALéS AO QUE A XUNTA ELECTORAL IMPIDE IR CO BNG-AA

"Quedounos claro que aquí hai quen quere que haxa cidadáns de primeira e de segunda"

Djiby Fall e Cheikh Faye, senegaleses veciños da Coruña, non poden concorrer ás municipais do 24 de maio na candidatura do BNG-AA. Así o ditamina a xunta electoral por non teren nacionalidade española ou doutro estado da UE. @s nacionalistas convocan, ás 20:00 horas, unha concentración no Obelisco co lema ‘Ninguén é clandestino, ninguén é ilegal’.

Djiby Fall
photo_camera Djiby Fall

Djiby Fall e Cheikh Faye son senegaleses e coruñeses, cidade na que viven e traballan. Tamén fan parte da candidatura do BNG-Asembleas Abertas na cidade herculina para as municipais do 24 de maio. Listaxe na que finalmente non poderán concorrer pois así o ditaminou a xunta electoral, que veta a presenza destas dúas persoas alegando que non teñen a nacionalidade española e non son cidadáns doutro estado da UE. Así pois, e malia vivir, traballar, ter a súa residencia e pagar impostos na Coruña non poden ser eleitos.

“Non o entendo, a min paréceme unha inxustiza”, afirma en declaracións a Sermos Galiza, Djiby Fall. “Se marchei de Senegal e cheguei aquí foi para ter un futuro, e quero axudar a construír ese futuro na Coruña, pero non podo, resulta que din que non podo, malia que levo aquí desde o 2006” explica Djiby nun castelán con deixes de acento coruñés -”estou aprendendo galego, gústame”, di-.

“Se marchei de Senegal e cheguei aquí foi para ter un futuro, e quero axudar a construír ese futuro. Mais resulta que din que non podo, malia que levo aquí desde o 2006”

Reitera que vice desde 2006 na Coruña (“cando cheguei, na rúa Cantabria e agora moi perto, en Hércules”), e que se sinte adaptado e integrado. "É nesta cidade onde traballo e pago impostos", engade. E afirma, en referencia á comunidade senegalesa, “somos coruñeses. Gústanos participar alí onde vivimos”, explica, e critica que “non nos deixen nin ser elixidos, nin elixir” no que considera que é unha lexislación “que quere que haxa persoas de primeira e de segunda”.

“O BNG foi o único que nos apoiou”

E como chega un senegalés a formar parte da candidatura do Bloque? Djiby Fall lembra a loita polos seus dereitos dos colectivo de inmigrantes na cidade e afirma que o BNG foi “o único que nos apoiou cando o necesitabamos”. “Cando tiñamos algún problema eran os únicos que estaban, os únicos que nos botaban unha man eran Carril e o BNG”. Por iso aceptou ir na candidatura nacionalista para as municipais do 24 de maio na cidade.

Fala da dificultade e problemas dos seus compatriotas que procuran obter papeis, ou que levan dez anos sen ver a súa familia, os seus fillos: "Non poden traelos aquí e eles non poden ir alá". Unha realidade que tamén é unha realidade coruñesa e que querían dar voz indo nunha candidatura municipal. Como un coruñés máis, insiste.

Esta terza feira, ás 20:00 horas, hai unha concentración no Obelisco coruñés contra a decisión da xunta electoral, co lema 'Ninguén é clandestino, ninguén é ilegal’.

Comentarios