Na Coruña

"Quedeime sen os 400 folletos en dez minutos": reparte información a prol da autodeterminación de Galiza no acto de Ciudadanos e Paco Vázquez

paco vazquez albert rivera

Manuel Monge, sociólogo, ex-concelleiro do BNG e implicado en colectivos de memoria histórica e diversas plataformas sociais da Coruña, afirma que repartiu na tarde desta terza feira por volta de 400 folletos a porta do lugar da cidade onde Ciudadanos realizaba un acto coa presenza de Paco Vázquez, ex-alcalde socialista coruñés. "Quedeime sen os 400 folletos en dez minutos", sinala o propio Monge, que asegura que só unha persoa rexeitou recoller o folleto, así como que procedeu a repartir os mesmos levando unha lazada amarela, en solidariedade cos presos cataláns.


 

"Dicía a convocatoria que falarían sobre temas de actualidade relacionados coa unidade de España e a cuestión territorial. Para facilitar as intervencións nese coloquio, difundín un folleto á entrada do recinto (na parte exterior) con algúns datos históricos, sen que houbese ningún problema por parte da empresa de seguridade que estaba na porta...", explica Monge a través dunha nota.

E que recollía o folleto? Pois o dereito de autodeterminación de Galiza. "Galiza é unha nación e o pobo galego un suxeito político diferenciado titular de dereitos colectivos. Foi recoñecida como nación en setembro de 1933 polo IX Congreso de Nacionalidades Europeas, adscrito á Sociedade de Nacións e celebrado en Berna", comezaba o texto repartido. "O dereito de autodeterminación das nacionalidades de España era un dos puntos centrais do programa do PSOE en 1974", lembraba o olleto, no que tamén se afirmaba que hai anos "Francisco Vázquez, ex–alcalde do PSOE da Coruña [e un dos intervintes no acto de Ciudadanos], defendía o dereito de autodeterminación de Galicia e o recoñecemento da súa realidade nacional". 


 

Comentarios