Unha escolma do papel

Queda algo do fraguismo 25 anos despois?

Cúmprese un cuarto de século da primeira toma de posesión -ante unha multitude de gaiteiros- de Manuel Fraga como presidente da Xunta, apertura dun réxime activo pero sospeitoso de corrupción e con pés de lama que durou quince anos e que, malia importantes diferenzas, foi escola de persoas e de formas para o actual goberno galego de Feijóo, que só reivindica Iribarne en actos de partido, poucas veces como argumento externo.

132pdf
photo_camera Feijóo sempre evita citar Fraga e prefire lembrar que votou PSOE no 82.

Foi un 5 de febreiro de 1990. Hai 25 anos. Nunha representación simbólica perfecta dos seus obxectivos e das súas fórmulas. Despois de gañar por só un escano as eleccións de decembro de 1989, o ex-ministro franquista e barón absoluto da dereita española Manuel Fraga Iribarne volvía a Galiza para tomar posesión do Goberno autonómico. Naquel acto visualizábase todo o horizonte fraguista, que duraría 15 anos e que, dalgún xeito, aínda mantén vixencia no PP galego actual, moi parecido nalgunhas cuestións, afastado noutras. Porque naquela data de xura do cargo, o que os seus numerosos haxiógrafos profesionais chamaban “o león de Vilalba” amosou moitas cartas. Por unha parte, a chiscadela popular e galega -desde un enfoque folclórico- por medio da presenza de 1.500 gaiteiros ou a posterior romaría con polbo, empanada, lacón con grelos e a inevitábel queimada preparada por el mesmo. Pola outra, a presenza dos poderes fácticos -o presidente do empresariado ou José María Aznar, entre os máis recoñecíbeis- e a dura represión contra un pequeno e humorístico grupo de manifestantes. Clientes/votantes, beneficiarios e inimigos. Tal e como dividía Fraga a xestión do poder.

A súa chegada á Xunta significaba primeiro unha derrota súa, xa que equivalía á renuncia a gobernar España, o seu soño, e limitarse a un deses autogobernos que tanto odiaba tempo atrás. Tamén foi outra dose do esquecemento propio da Transición, xa que supuña a primeira e única presidencia no Estado en mans dun antigo ministro da ditadura de Franco, cuxas mans se relacionaban directamente co sangue de Grimau, dos obreiros de Vitoria ou dos carlistas de esquerda de Montejurra, así como co encerramento de xornais e centos de ordes de censura. Porén, na súa posesión de hai 25 anos exhibía bágoas galeguistas. Serían tónica durante o seu mandato, aínda que a súa fe descentralizadora non sempre pasaba o corte a pouco que se atopase diante un auditorio algo esixente. Monumental foi o seu fracaso cando se presentou para liderar o Comité de Rexións da Unión Europea, onde resultou derrotado claramente ante Jordi Pujol, vello inimigo moito máis críbel nese eido pero co que, en determinadas cuestións, tiña máis en común do que parecía.

O GAIÁS COMO SÍMBOLO

Sen dúbida, durante a longa presidencia de Fraga na Xunta foi cando se levantou o edificio autonómico, limitado pero que achegaba cativos avances malia que, como se demostrou en canto estoupou a crise, estaba construído sobre alicerces de manteiga. Nunca se saberá se a autonomía galega tería sido outra cousa de non converterse en patrimonio case exclusivo da dereita centralista, pero desde logo o seu descrédito actual afonda raíces na falsa pax fraguiana, cando a hiperactividade presidencial ocultaba unha trama de favores, fondos europeos desperdiciados ou unha escandalosa perda de sectores produtivos e de poboación que a forte personalidade do vilalbés e as abondosas redes clientelares e de chiringuitos eclipsaban, con axuda mediática, até que acabaron agromando con toda a súa destrutiva dimensión.

Que queda do fraguismo un cuarto de século despois? Moitos dos principais problemas de Galiza teñen naquela era un comezo. Antes se citaron algúns, aos que se pode engadir por exemplo a burbulla das caixas ou a débeda acumulada co desbaldimento en obras innecesarias, co Gaiás como grande símbolo. O control da prensa privada -subvención mediante- e os medios públicos foi outra característica dos gobernos de Fraga, que mesmo redactaba listas negras de persoas pouco afectas e, polo tanto, merecedoras de censura.

1990: corrupción, soberanía negada e elites que dominan o poder político. Podería ser 2015

Tamén cuestións agora tan latexantes como a denuncia do bipartidismo PP-PSOE tiveron en Galiza un territorio de experimentación, xa que Iribarne afianzou o seu poder grazas aos seus acordos secretos con Felipe González e Francisco Vázquez, segundo o cal os socialistas non lle facían unha oposición seria namentres o PP tampouco fixera o mesmo na Coruña e Fraga non disparase contra La Moncloa. E ademais disto, teimando en palabras que hoxe acaparan o debate político, está a corrupción. Se de Alianza Popular hai sospeitas de que se financiou con cartos do contrabando, do Partido Popular durante a etapa de Fraga na Xunta hai máis que indicios de irregularidades de varios tipos que apuntan á rede Gürtel, xa que o secretario de Organización do PP galego entre 1994 e 1999 foi Pablo Crespo, número 3 da trama que en breve pode ser condenado a décadas de cárcere. Difícil que Fraga -controlador obsesivo- non coñecese nada das súas operacións. A pesar da imaxe de fortaleza que o seu poder proxectaba cara fóra, de portas para dentro o ministro franquista -falecido en 2012- foi bastante máis feble, acosado polo sector boina -de actitude popular e supostamente galeguizado, mais tamén rodeado de sombras legais como no caso de Baltar- en contraste co do birrete. urbanita e madrileñista, que malia vivir o fraguismo un chanzo por debaixo dos seus contrincantes foi o que finalmente saíu triunfador.  

Foi outra dose do esquecemento propio da Transición, xa que supoñía a primeira e única presidencia no Estado en mans dun antigo ministro da ditadura de Franco

A proba chámase Feijóo. Após a crise das Vacas Tolas e sobre todo a marea negra do Prestige -que colleu  Fraga de cacería- o futuro daquel tramo histórico estaba condenado e en 2005 o PP perdía as eleccións, o que deu lugar ao bipartito PSOE-BNG. Foi relevado Iribarne por Núñez Feijóo, que catro anos despois alcanzou a Xunta e conformou un gabinete con maioría de cadros que xa pasaran polo fraguismo, case tod@s en segundo plano agás el, que fora vicepresidente. Esa relación resulta innegábel, tamén no político: nótase no reparto de subvencións ou nas alianzas coas elites, tamén na opacidade. Por outra parte, é certo que Feijóo amosa un perfil máis neoliberal -Iribarne era un conservador- e con moito menos interese en Galiza que o que tiña un Fraga ao que xa non lle quedaba outro obxectivo e por iso disimulaba, por exemplo, na defensa da lingua propia, algo que agora o actual PPdeG apenas intenta. Hai diferenzas, pero máis semellanzas. Porque sen Fraga e o seu longo réxime, Feijóo non estaría onde está.

Este artigo apareceu no Sermos nº132, publicado a 5 de febreiro de 2015.

Comentarios