sábado 29.02.2020
Precampaña

Quecendo motores de cara ao 5-A

Os partidos políticos galegos aproveitarán a primeira fin de semana, tras a convocatoria das eleccións ao Parlamento por parte do presidente da Xunta, para pór a punto a maquinaria electoral.

O vindeiro 5 de abril a cidadanía galega elixirá a súa representación no Hórreo (parlamento.gal)
O vindeiro 5 de abril a cidadanía galega elixirá a súa representación no Hórreo (parlamento.gal)

O 5 de abril, a cidadanía galega elixirá nas urnas quen a representará os vindeiros catro anos no Hórreo. As formacións políticas que se presentarán ás eleccións nacionais, tras a convocatoria por parte do presidente a pasada segunda feira, teñen previstos diversos actos para esta fin de semana. Quecemento de motores de cara a unha longa e decisiva carreira electoral.

PP

O Partido Popular ten previsto para este sábado en Vigo o acto de proclamación de Alberto Núñez Feixoo como candidato á Xunta. Os populares galegos agardan que o evento sexa "masivo", para dar testemuño de que a formación está "activada, mobilizada e ilusionada" e conseguir a cuarta maioría absoluta.

O obxectivo, segundo indicou na sexta feira en conferencia de prensa o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, é "continuar dando a Galiza a estabilidade e o crecemento que merece e necesita".

PSOE

O secretario xeral do PSOE na Galiza, Gonzalo Caballero, asiste este sábado ao Comité Federal do partido na súa sede en Madrid. A partir das 10.30 horas, estaba previsto que se desenvolvese a reunión do máximo órgano do partido entre congresos, que comezará coa análise política a cargo do secretario xeral e actual presidente do Goberno español, Pedro Sánchez.

BNG

A partir das 12 horas deste sábado, a portavoz nacional do BNG e candidata a presidir a Xunta, Ana Pontón, participará na capital na segunda mesa do espazo Pensar Galiza. O encontro terá lugar na Casa das asociacións, a antiga estación de Cornes. Pensar Galiza, segundo informa a formación, "é un proceso de contacto e interlocución ─estruturado en once grupos de traballo─ con distintos colectivos de cara a intercambiar propostas que poidan servir para enriquecer o programa electoral".

Anova

Anova terá tamén este sábado unha reunión da súa dirección, a unha semana de vencer o prazo para o rexistro de coalicións ás eleccións do 5 de abril, unha cita na que o espazo político do que facía parte e que logrou ser segunda forza nos comicios de 2016 podería estar representado por tres listas diferentes.

Anova traballa nunha "coalición alternativa sen deixar a porta pechada" a Podemos, mais un acordo amplo pasa por reeditar o espírito de coalicións anteriores, e é unha hipótese afastada nestes momentos, sinalaron fontes da formación. Nesta candidatura alternativa estarían a formación nacionalista fundada por Xosé Manuel Beiras e mais as mareas municipalistas, así como outros colectivos.

Podemos

O panorama dentro do que se deu en chamar "esquerda rupturista" comezouse a despexar na sexta feira, cando o líder de Podemos Galicia e deputado no Congreso, Antón Gómez-Reino, confirmou a súa candidatura ás primarias da súa formación. O partido morado aposta por manter a fórmula Galicia en Común (na que figura Esquerda Unida mais non Anova) para concorrer ás urnas con Gómez-Reino como referencia.

De feito, o líder de Podemos, Pablo Iglesias, aterrará en Galiza para participar no lanzamento da candidatura o 29 de febreiro, días despois de que culmine o proceso de primarias desta formación.

En Marea

Tamén este sábado terá lugar a reunión do Consello das Mareas, máximo órgano de dirección de En Marea, que nos últimos días fixo un chamamento á Anova e ás candidaturas municipalistas de Santiago e da Coruña de cara á explorar unha alianza.

O partido que lidera Luís Villares reiterou a súa vontade de estar nas eleccións do 5 de abril, ben en alianza con outras forzas do ámbito soberanista ben en solitario.

comentarios