Análise

Que agarda o PP para sacar a mangueira de Feixoo?

Galiza está a sufrir neste verán os incendios máis duros dos últimos anos porén os dirixentes populares seguen sen botar man daquela mangueira coa que en 2006 Núñez Feixoo quería apagar os lumes.

 

Feixoo mangueira
photo_camera Alberto Núñez Feixoo nun acto de protesta contra a política forestal da Xunta da Galiza en 2006. (Foto: Nós Diario).

Os grandes incendios de 2006 foron aproveitados polo Partido Popular para lanzarse contra o Goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG. Naquela altura, o líder da oposición, Alberto Núñez Feixoo, armouse dunha mangueira de xardín para denunciar a falta de medios no operativo contra o lume da Xunta da Galiza.

A liña de actuación de Núñez Feixoo foi replicada pola totalidade dos alcaldes populares, que culparon daquela vaga de incendios á Consellaría de Medio Rural e aproveitaron para criticar as propostas de cambio estrutural lanzadas desde ese departamento.

Alfonso Rueda

A táctica de desgaste ao Goberno galego, que levou a pedir a dimisión do conselleiro de Medio Rural en plena campaña de incendios, estivo dirixida polo entón secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, que criticaba nas súas comparecencias de prensa propostas como o Banco de Terras ou a decisión de mudar o modelo de brigadas contra incendios.

16 anos máis tarde, Alfonso Rueda, convertido en presidente da Xunta da Galiza vén de propor como  alternativa aos incendios a posta en marcha de medidas estruturais, significando, entre as mesmas, a limpeza dos predios e a Lei de recuperación de terras, como instrumento para integrar no Bantegal a terreos abandonados ou sen propietario coñecido.

Os alcaldes do PP

As propostas do mandatario galego non rematan aí e apúntase agora a un novo modelo de organización das brigadas forestais, que non se centren unicamente na extinción das chamas cando se producen, senón tamén en labores de prevención, e que poidan traballar durante máis meses ao ano, non só nas épocas de maior risco. Na mesma liña, defende unha profesionalización dos servizos de extinción.

O silencio e actitude dos alcaldes populares sorprende a todos aqueles que os viron en acción en 2006. Mentres naquela altura denunciaban a falla de medios e a proposta da Consellaría de Medio Rural de avanzar nun novo sistema de brigadas de extinción, a comezos de agosto de 2022 na maioría dos seus concellos están sen constituír as brigadas municipais contra o lume.

Un exemplo disto atópase na comarca do Barbanza, a máis afectada nestes dous últimos días pola vaga de lumes, onde só A Pobra do Caramiñal, gobernada por unha coalición entre independentes e BNG, dispón do servizo municipal de extinción de incendios. A situación desta zona repítese na totalidade do país, onde as brigadas municipais contra os lumes están sen constituír polos diferentes concellos.

Ribeira sen brigada municipal contra incendios

O concello de Ribeira, rexido na actualidade por Manuel Ruiz Rivas, en 2006 un dos voceiros do PP no Parlamento da Galiza, é un dos municipios que a esta altura do ano non ten constituída a brigada municipal contra incendios. Sen ir máis lonxe, a comezos desta semana sacou a convocatoria para contratar ao capataz  da mesma.

A oposición, tamén, cambiou de actitude en relación a 2006. Se daquelas o PP liderado por Núñez Feixoo se lanzou a unha batalla sen cuartel contra o Goberno reclamando a cabeza do conselleiro de Medio Rural en plena vaga de incendios, actualmente nacionalistas e socialistas actúan cun escrupuloso respecto institucional, situando a loita contra o lume por riba da loita partidaria.

Comentarios