Puy desvía a "dirixentes do partido" unha pregunta sobre o financiamento do PP

Após a xunta de portavoces, o voceiro popular, Pedro Puy, rexeitou responder a Sermos Galiza sobre os fondos que o PPdeG tería achegado á contabilidade B do PP español.

En comparecencia de imprensa, o voceiro do grupo parlamentar Pedro Puy botou balóns fóra, nunha demostración de que esa é a táctica coa que o PPdeG quer lidar o asunto Bárcenas. No mesmo rexistro empregado por Feijóo -o presidente do PPdeG chegou a dicer o pasado sábado que el nos 90 nin sequera militaba no partido- Puy desentendeuse do asunto e desviou toda responsabilidade aos "dirixentes" do partido, en alusión a aqueles que, a diferenza del, si teñen cargos orgánicos de relevancia.

Puy restou importancia ás informacións que apuntan a que nos 90, e con Pablo Crespo como secretario de Organización, o PPdeG foi fonte de alimentación da tesourería de Bárcenas: "Fíxese vostede, se falamos dos anos 90 aconteceu hai 14 anos". Após reiterar o discurso de transparencia que veñen defendendo desde o Partido Popular logo de se facer público o escándalo Bárcenas, o voceiro popular rexeitou explicitar a Sermos Galiza se a súa formación abrirá ou non unha investigación interna.

Comentarios