Un movimento inverificábel dado que o voto é secreto

Puy avoga por que os e as delegadas do PPdeG voten o mesmo no congreso

O PPdeG está fraccionado en vésperas do congreso que elixirá a ou o sucesor de Raxoi, tal e como informou Sermos Galiza. Mais a doutrina oficial continúa a ser a mesma: a de que as e os delegados do partido na Galiza votarán en bloque. A preferencia do aparato de Monte Pío é nidia: Pablo Casado.

TELLADO
photo_camera Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG, vota nas primarias do 5X, ante a atenta mirada de Diego Calvo.

Sermos informou de que por volta de 40 por cento das e dos compromisarios galegos no congreso desta fin de semana se inclinan pola opción de Soraya Sáenz de Santamaría (claramente Ourense —onde a ex vicepresidenta gañou o 5X—, boa parte de Lugo —Xosé Manuel Barreiro, portavoz no Senado, é sorayista— e non poucos segmentos da organización en Pontevedra, a corrente marianista non apoiaría en ningún caso o aznarista Casado). Mais a retórica oficial do partido é outra: a de que o PPdeG respaldará sen fendas e con cohesión un dos candidatos en liza. Sen o mencionar aínda, Pablo Casado.

O "normal" é que o conxunto das e dos compromisarios galegos ao congreso "compartan o mesmo criterio", afirmou ao respeito —este domingo en Radio Galicia-SER— o portavoz da bancada popular no Pazo do Horreo, Pedro Puy, quen non se moveu da liña oficial de que o PPdeG como tal se pronunciará a favor dunha candidatura unha vez coñecidas as ofertas programáticas das dúas opcións en xogo. "Imos agardar a ver que se nos oferta e en función diso todos decidiremos. O normal en Galiza é que todos partillemos o mesmo criterio", alegou.

Ao ser o voto secreto, non hai maneira de verificar que con efeito a delegación galega vote como un só home ou unha soa muller este sábado 21 de xullo. Segundo as últimas estimacións, Casado só podería gañar o congreso se conseguise 90 por cento dos votos cospedalistas. Na Galiza a secretaria xeral -—terceira no conxunto do estado— gañou con ampla marxe a votación da militancia, con 1.559 votos. Mais Casado e Santamaría selaron un práctico empate técnico: o deputado por Ávila gañou a ex vicepresidenta por apenas 55 votos (1.161 fronte a 1.106).

En realidade, Casado só obtivo na Galiza 30,3 por cento do voto da afiliación, o que fai politicamente inviábel que poda conquistar o apoio do 100 por 100 das e dos delegados galegos, dado a extrema división interna que vive o partido.

Esta segunda feira, Cospedal verbalizou o que era un segredo a voces: o seu apoio a Casado. Antes de participar nun almorzo informativo de Nova Economía Forum en Madrid co vicesecretario de comunicación do partido, dixo que este era unha "magnífica opción".

E o PPdeG cando se vai pronunciar? En calquera momento a partir de mañá, tendo en conta que esta segunda feira Soraya Sáenz de Santamaría se reúne en Pontevedra cunha representación da delegación galega ao congreso. Ao evento, xemelgo ao protagonizado o 11X por Casado, asistirá Feixóo.

Comentarios