mércores 30/09/20

Puy augura unha "lexislatura complexa" pola pegada da Covid

Pedro Puy
Pedro Puy

Unha "lexislatura particularmente complexa" na Galiza, coa xestión da Covid-19 e da crise derivada pola pandemia como "retos iniciais". Así preveu o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, o inicio da XI lexislatura durante unha rolda de prensa tras a constitución da Cámara galega a pasada sexta feira, na que o seu partido ostenta a maioría absoluta logo de acadar 42 escanos nas eleccións do 12 de xullo.

Puy destacou que a crise non é "tan profunda" na Galiza como noutros territorios, o que ligou a unha estrutura produtiva "moito máis compensada" despois da anterior crise.

O portavoz do PPdeG lembrou que a caída do Produto Interior Bruto da Galiza foi de 14,9% fronte a 18,5% da medida do Estado español. "Aínda que esteamos lonxe da media, os datos son propios dunha catástrofe económica", matizou Puy, asegurando que a situación precisará de "moito traballo, responsabilidade e capacidade de acordo" coas restantes forzas do Parlamento e con axentes sociais.

Preguntado polas conversas co BNG e PSdeG para constituír as comisións, avanzou que posibelmente se chegará a un consenso" para que sexan solicitadas de común acordo". 

comentarios