Puy asegura descoñecer que Fernández de Sousa é presidente do padroado do CGAC

A perguntas de Sermos Galiza, o portavoz do grupo parlamentar do PP, Pedro Puy, afirmou ignorar que Fernández de Sousa ocupase a presidencia do padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea. O empresario, que levou a Pescanova á suspensión de pagamentos, foi nomeado para tal cargo polo Goberno galego en febreiro de 2011.

Pedro Puy afirmou esta segunda feira que ignoraba que o presidente de Pescanova, Fernández de Sousa, estivese á fronte do padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) [foi nomeado presidente deste órgao polo goberno galego en febreiro de 2011, o seu nomeamento apareceu publicado no DOG en marzo de 2011]. De acreditarmos na versión do portavoz popular, Puy teríase inteirado de tal cousa pola pergunta realizada hoxe por Sermos Galiza durante a súa comparecencia de imprensa de todas as segundas feiras no Parlamento galego.

Puy, como Feijóo, declinou facer ningún tipo de valoración sobre a xestión de De Sousa, sobre o que pesan serias sospeitas de prácticas irregulares e até delictuosas.

Malia que o seu nomeamento como presidente do padroado foi notabelmente recollido pola imprensa do país, Pedro Puy di descoñecelo e, aliás, considerou non prioritario dirimir se Fernández de Sousa debería ou non ser apartado deste cargo após o acontecido con Pescanova. "Non é o momento de abordalo" sentenciou o voceiro popular ao tempo que sinalou como cuestión de urxencia resolver a "difícil situación económica" que atravesa a entidade", actualmente en preconcurso de acredores. Porén, o certo é que nin o deputado nin o propio presidente da Xunta quixeron aclarar se o goberno galego mantén ou non a confianza en Fernández de Sousa, quer á fronte de Pescanova, quer do padroado do CGAC. 

No entanto, malia non se posicionaren en relación ao cesamento de De Sousa, o certo é que o executivo galego comeza a se desmarcar da xestión do empresario, até agora moi próximo aos dirixentes do PP, desde Fraga até Feijóo. Neste senso, o presidente da Xunta asegurou a pasada quinta feira en comparecencia de imprensa que o máis acaído para a entidade --dada a súa situación económica-- sería pór unha dirección "de técnicos". 

Comentarios