Puy acusa de "extremistas" á oposición pola polémica con Marcial Dorado

Após considerar a publicación das fotografías un "ataque á democracia" o voceiro parlamentar do PP asegura que o que lle preocupa "é o uso que fai a oposición destas imaxes" e non as consecuencias que estas poidan ter "para o PP ou a imaxe de Galiza".

O popular acusou aos grupos da oposición de empregar "con obxectivos políticos" as fotografías de Núñez Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado. Aliás, arremeteu contra o PSdeG por apoiar "a grupos extremistas" cuxo obxectivo é, dixo, "desprestixiar as insititucións". Pola súa banda, o portavoz parlamentar do Bloque, Francisco Jorquera, asegurou que o seu grupo exixiría a demisión do presidente da Xunta, máis unha vez, no pleno que terá lugar as vindeiras terza e cuarta feira. 

Jorquera (BNG): "É inadmisíbel que un alto cargo da Xunta tivese unha relación estreita e duradeira cun capo da mafia"

Os grupos da oposición agardan que a comparecencia parlamentar do presidente "aclare a relación" que mantivo co narcotraficante e acusaron ao líder do executivo de incorrer durante a pasada semana en "contradicións continuas". O nacionalista Francisco Jorquera considerou que "a versión inicial" de Núñez Feijóo "foi caendo como un castelo de naipes" após coñecérense as últimas informacións e tildou de "inadmisíbel" que o presidente mantivese unha "estreita relación" cun "capo do narcotráfico" mentres era "alto cargo da Xunta". No entanto, o líder do executivo galego segue a negar que exista "causa" nas polémicas fotografías como afirmou esta segunda feira. 

"Esperamos que asuma as súas responsabilidades e abandone o escapismo que caracteriza a súa forma de facer política", acrecentou o socialista Abel Losada. Na súa comparecencia de imprensa o PSdeG asegurou que continuarían a traballar á fin de esclarecer se existíu algún contrato público do que fosen beneficiarias as empresas de Dorado e bateu contra o Partido Popular por considerar que “as maiorías lexitimen a ética política”. Losada considerou que esta "tense ou non se ten, non se compra". 

Abel Losada (PSdeG): "A estratexia de defensa de Feijóo é insultante para o país"

Para as forzas da oposición --ao contrario que para o Partido Popular-- as fotografías publicadas "non houbo explicación sólida nin convincente sobre esta relación" e agardan que a comparecencia parlamentar do presidente sirva para esclarecer o que supón "que o máximo responsábel do SERGAS" mantivera durante anos "unha relación prolongada cun narco". 

"Cremos precisa unha declaración diáfana sobre a relación cun capo", insistiu o portavoz nacionalista. Porén, Pedro Puy acusou aos grupos da oposición de queres "desprestixiar as institucións" coas súas declaracións. Puy remitiuse ás declaracións feitas esta fin de semana en que tildou de "ataque á democracia" a actitude de BNG, AGE e PSdeG. 

Puy (PP): "Creo na liberdade de imprensa"

No entanto, malia as demandas realizadas polo presidente da comunidade de Madrid, Ignacio González, que exixían un endurecemento lexislativo que impedise a publicación deste tipo de informacións, Puy amosouse contrario á modificación legal. "Creo na liberdade de imprensa" respondeu tallante o popular quen asegurou "o sistema xurídico xa garante" ese dereito. 

Comentarios