Pide un pleno no Parlament

Puigdemont denuncia o "peor ataque a Catalunya desde o ditador Franco"

Carles Puigdemont, que considera a aplicación do artigo 155 da constitución española, “o peor ataque ás institucións e ao pobo de Catalunya desde os decretos do ditador militar Francisco Franco abolindo a Generalitat”, emprazou o Parlament a convocar un pleno para analizar os efectos das medidas anunciadas na mañá do sábado polo Goberno español -e apoiadas polo PSOE e Ciudadanos- co fin de "actuar en consecuencia", o que podería implicar a aprobación da DUI.

Screen Shot 2017-10-21 at 21.47.24
photo_camera Screen Shot 2017-10-21 at 21.47.24

Ás 21h, puntual, encetaba a declaración institucional do president da Generalitat, Carles Puigdemont, quen afirmou ser consciente da “ameaza que pesa sobre todo o pobo de Catalunya se o Estado perpetra o seu propósito liquidador”. “Defenderemos as nosas institucións, como fixemos sempre, de maneira pacífica e civilizada, mais cheos de dignidade e de razón”, sinalou.

Neste sentido, informou de que demandará ao Parlament a convocatoria a semana que vén dun pleno para analizar os efectos da aplicación do artigo 155 da constitución, co fin de “debater e adoptar as decisións pertinentes”. Non aludiu, en momento ningún, á declaración unilateral de independencia (DIU), mais non o fixo porque de o facer o Tribunal Constitucional suspendería a sesión plenaria. De maneira implícita deu a entender que nese pleno -que terá lugar, segundo medios cataláns, na sexta feira, coincidindo co pleno do Senado- será aprobada a DIU.

Compara o Goberno español co franquismo

Ao contrario que a presidenta do Parlament, Carme Forcadell, Puigdemont obviou a expresión golpe de Estado, mais advertiu de que o Goberno español deu “portazo” ás súas ofertas de diálogo e comparou o actual goberno español co franquismo, “o Goberno español, co apoio do PSOE e de Ciudadanos, levou a cabo o peor ataque ás institucións e ao pobo de Catalunya desde os decretos do ditador militar Francisco Franco abolindo a Generalitat”, afirmou, a continuación.

Na declaración institucional, Puigdemont denunciou que Rajoy nomeou “un directorio” cuxo fin é “suprimir”, co beneplácito de El Rei, as institucións catalás. “O que existe actualmente”, dixo, gañouse “coa forza da democracia”. “Non podemos aceptar este ataque”, salientou o president após lembrar o tempo de exilio de Companys e Tarradellas e após acusar o seu homólogo español de actuar “fóra do estado de dereito”.

"O que os cataláns decidimos nas urnas é anulado nos despachos"

As agresións policiais, o encarceramento de Jordi Sánchez y Jordi Cuixart ou a recollida de sinaturas do PP contra o Estatuto foron citadas por Puigdemont, que afirmou, de seguido, “estes son os que nos queren gobernar”. Nesta liña, criticou que "o que os cataláns decidimos nas urnas é anulado nos despachos". "Violéntase o Parlament, os dereitos, as garantías os deputados que votaron o Goberno", engadiu.

En español e inglés

Como xa fixera no Parlament, o 10 de outubro, Puigdemont cambiou ao español para trasladarlle unha mensaxe aos “demócratas españois”. “O que se está a facer con Catalunya é directamente un ataque á democracia que abre a porta a outros abusos da mesma índole en calquera parte”, advertiu. “Criminalizar o disidente, negar a realidade e alzar muros de legalidades ante as fiestras da vontade cidadá... se trunfa todo iso o dano á democracia e, por tanto, á cidadanía, será moi severo e comportará un retroceso monumental. Non debemos permitilo”, agregou.

En inglés, dirixiuse ao conxunto da cidadanía europea, para alertar de que os valores europeos están en risco en Catalunya e en Europa, “decidir democraticamente o futuro dunha nación non é ningún crime”, sinalou. Tamén apuntou que Catalunya é unha nación antiga cuns valores europeos moi arraigados, “facemos o que facemos porque cremos nunha Europa democrática e pacífica. Na Europa da Carta dos Dereitos Fundamentais que ha protexernos a todos e cada un de nós”.

Esta foi a primeira declaración institucional do president da Generalitat desde a intervención total da autonomía anunciada por Rajoy. Tamén foi a primeira vez que falou após o ingreso dos “Jordis” en prisión.

Comentarios