mércores 15.07.2020

A publicidade en galego cae dous puntos na RTVG nos últimos seis anos

Sánchez Izquierdo recoñece a caída nas insercións publicitarias en lingua galega e a nula presenza desta na páxina web da corporación.

Sánchez Izquierdo
Sánchez Izquierdo

A porcentaxe de anuncios publicitarios en galego na radio e televisión públicas caeu do 50% ao 47,8% desde 2009. Así o indicou o director da CRTVG, Sánchez Izquierdo, en comisión parlamentar após a pregunta formulada pola deputada do Bloque, Montse Prado. 

Un feito que o responsábel da corporación pública atribuíu a que "algúns anunciantes deixaron de operar en Galiza" e "outros" trasladaron a súa actuación "ao ámbito estatal" o que reducíu, segundo Sánchez Izquierdo, a presenza do idioma propio de Galiza nos medios públicos. No entanto, o director xeral subliñou o incremento do uso do galego naqueles anunciantes cuxo domicilio social radica no noso país e que pasaron, dixo, "do 71,5% ao 86,6%", unha suba "de perto de 13 puntos". 

A cifra de insercións en lingua galega caeu do 50% ao 47,8% desde 2009

Aliás, a merma sufrida na presenza do galego débese, segundo o responsábel da CRTVG ao "oligopolio" que existe á hora de contratar as insercións, desenvolvidas na práctica por un par de axentes e á "desaparición" da publicidade nas canles e emisoras de radio-televisión espñola (RTVE). 

Sánchez Izquierdo afanouse en salientar a "progresión" naqueles ámbitos onde a CRTVG ten capacidade de "control". Porén, desde o grupo parlamentar do BNG, a deputada Montse Prado retrucoulle asegurando que os dados achegados "non inclúen" as insercións publicitarias da páxina web. Un soporte en que se usa "practicamente no 100%" o español. 

Prado responsabilizou o director xeral polo que definíu como un un proceso de "substitución lingüística" no "campo smbólico" que representa a publicidade e de estaren a "desgaleguizar Galiza".

Sánchez Izquierdo asegurou non estar en condicións de resolver a falta de publicidade en galego na páxina web da CRTVG 

Na quenda de réplica Sánchez Izquierdo rexeitou achegar estes dados --referidos ao portal web-- argüíndo que xa foran expostos "por extenso" noutra intervención parlamentar. "Nada que agochar", asegurou mentres emprazaba a Prado a lle remitir con posterioridade os dados ou a procuralos no "diario de sesións". 

Así as cousas o director xeral da CRTVG recoñeceu estar "preocupado" pola escasa presenza da lingua galega na publicidade do sitio web "como o están o meu colega de TV3 e da EiTB". Sánchez Izquierdo recuncou na idea do mercado oligopolístico para a comercialización e contratación de publicidade através da rede, un feito que di impide á CRTVG estar "en condicións por agora" de controlar a lingua das publicidades. "É unha eiva importante", sinalou, "que non ten solución a curto prazo". 

comentarios