O PSOE veta a presenza de Iglesias nun goberno de coalición

Faino co argumento de que non é razoábel que o líder da forza política menor do goberno de coalición estea no Consello de Ministros. Quen se expresou nestes termos é a vicepresidenta en funcións, Carmen Calvo. Ignora que no executivo italiano Matteo Salvini, líder da Liga Norte, si está no goberno e como vicepresidente. No bipartito galego (2005-2009) o PSdeG non puxo obxeccións á presenza de Anxo Quintana, na altura portavoz nacional do BNG. 

carmen calvo psoe
photo_camera Carmen Calvo, nun mitin do PSOE

Si ao goberno de coalición, non á presenza nel de Pablo Iglesias. Este é o novo episodio do culebrón político do verán. Nunha entrevista na TVE, Carmen Calvo reiterou o criterio expresado por Pedro Sánchez: si hai disposición a que fagan parte do goberno "membros cualificados" de Podemos. Mais non tan cualificados como o seu secretario xeral, a quen se veta por vez primeira de forma explícita.

E que acontecería se Iglesias aceptase esa exclusión? Formaríase o primeiro bipartito da historia do actual réxime político? Calvo preferiu non contestar directamente esa pergunta. "Cando se puxo na mesa [esa proposta] o señor Iglesias foise facer a consulta ao seu partido", afirmou.

O argumento oferecido por Calvo para rexeitar a presenza de Iglesias no executivo —que nel non poden cohabitar os máximos dirixentes das formacións coligadas— non resiste a análise comparada ou histórica. Alén de que na UE a norma son os gobernos de coalición, existen abondos exemplos de convivio de líderes neses gabinetes compostos. Por exemplo, o de Joschka Fischer como vice-chanceler alemán nun goberno presidido polo socialdemócrata Gerhard Schröder ou o actual caso de Matteo Salvini, xefe da ultradereita italiana, como número dous do executivo. Na Galiza o naquela altura secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, e o portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, cogobernaron o país desde 2005 a 2009.

En todo caso, e segundo puido saber Sermos, sectores de Unidas Podemos verían con bos ollos que finalmente Iglesias optase por facilitar a formación do goberno. O problema é a escenificación do xesto, que este non pareza unha imposición de Sánchez, senón un movimento do líder morado para mostrar que é capaz de pór os intereses xerais por riba das súas ambicións persoais.

Comentarios