PSOE, PP e Vox volven sumar os seus votos para impedir que o Congreso investigue os "escándalos" do rei emérito

Unidas Podemos, BNG e outras forzas políticas pediran indagar nas presuntas actividades ilícitas de Juan Carlos I.
O rei emérito estivo o pasado maio en Sanxenxo. (Foto: María Muiña / Sailing Shots vía Europa Press)
photo_camera O rei emérito estivo o pasado maio en Sanxenxo. (Foto: María Muiña / Sailing Shots / Europa Press)

Os representantes de PSOE, PP e Vox na Mesa do Congreso frearon esta terza feira un novo intento de Unidas Podemos, BNG, ERC, Bildu, Máis País, Compromís, Junts e PDeCAT para que a Cámara investigue "os escándalos relacionados" con Juan Carlos I e a "implicación dalgúns estamentos do Estado" para controlar a información sobre os mesmos.

Estes tres partidos, seguindo o criterio fixado polos servizos xurídicos do Congreso, rexeitaron admitir a solicitude, fundamentada con base nos contidos do documental Salvar o Rei —producido por HBO—, segundo admiten os propios asinantes.

Así, socialistas e populares sumáronse á extrema dereita amparándose na opinión dos letrados, que sosteñen que non procede a súa admisión a trámite "tendo en conta a posición institucional da Xefatura do Estado no marco constitucional".

No documento dos servizos xurídicos cítanse os artigos 56.3 e 65 da Constitución. O primeiro consagra a figura do rei como "inviolábel" e non "suxeita a responsabilidade", mentres o segundo estabelece que o Xefe do Estado distribúe libremente a partida orzamentaria que recibe cada ano.

Para defender a non tramitación da comisión de investigación, os letrados ampáranse tamén na interpretación que sobre esta materia fixo a xurisprudencia do Tribunal Constitucional e nos precedentes existentes na Cámara.

O secretario primeiro da Mesa do Congreso, Gerardo Pisarello, denunciou en rolda de prensa que este tipo de decisións sitúan a Monarquía "por riba da lei" e que xa se rexeitou en "máis dunha ducia" de ocasións que se poida investigar o rei emérito no Congreso.

"É unha vergoña porque se traslada a mensaxe de que se nas altas esferas do Estado se comenten fraudes, aquí non pasa nada", cuestionou o deputado de En Comú, para quen a Monarquía é "unha institución obsoleta que só pode ampararse na opacidade e o escurantismo".

Comentarios