PSOE e PP aproban os orzamentos da Deputación de Lugo co voto en contra do BNG

As contas tiveron o apoio de Manuel Martínez, deputado non adscrito. O Bloque, que cogoberna cos socialistas na entidade provincial advertiu: “Isto ten consecuencias, que analizaremos”.

Deputación de Lugo
photo_camera Deputación de Lugo

O PSOE aproba as contas da Deputación de Lugo co apoio de populares e do deputado non adscrito Manuel Martínez e o voto en contra do BNG, formación que co-goberna cos socialistas na entidade provincial. Os nacionalistas xa amosaron a súa preoupación e malestar con esta decisión e advertiron que “terá consecuencias”, remitíndose ás análises que fagan os órganos internos da organización.

As contas foron aprobadas nun pleno extraordinario da Deputación, previsto para a pasada quinta feira mais que foi adiado até esta segunda feira para intentar acadar “a unanimidade”, en palabras de Álvaro Santos, voceiro do grupo de goberno. O acordo de PSOE, PP e Manuel Martínez dá luz verde a uns orzamentos de 96 millóns de euros para este 2016. Entre as concesións aos populares, o presidente provincial comprometeuse a respeitar os convenios asinados pola popular Elena Candia durante o seu breve mandato en 2015 á fronte desta institución. Martínez, de por parte, deu o seu apoio ás contas pola decisión de construír unha residencia da terceira idade en Becerreá, proxecto para o que este ano consígnanse 500.000 euros.

“A confianza foi rota”

Desde os dous deputados do BNG na institución provincial consideran que “a confianza foi rota” e falan de “espectáculo bochornoso” por terse que enterar que “había un acordo asinado polo presidente e o PP na xuntanza da xunta de portavoces”. Para o BNG, “a imaxe que transmite o goberno é como se o BNG fose un apéndice cando somos 1 de cada 3 votos que ten o goberno”, polo que a aprobación dos orzamentos tería que contar co visto bo dos nacionalistas. Indican tamén que están dispostos a facer “borrón e conta nova” mais que “para que goberne a oposición é mellor que esta pase ao goberno”.

Comentarios