O PSOE de Pontevedra aproba 58 candidaturas para as próximas eleccións municipais

O secretario xeral provincial, David Regades, puxo en valor a aposta pola mocidade que chega cos novos candidatos e candidatas.
Reunión del Comité Provincial del PSOE de Pontevedra. (Foto: PSdeG).
photo_camera Reunión do Comité Provincial do PSOE de Pontevedra. (Foto: PSdeG).

O Comité do PSOE de Pontevedra aprobou esta segunda feira a candidatura dun total de 58 cabezas de lista para as próximas eleccións municipais que xa contaban co aval das respectivas asembleas locais.

Diso informou o PSOE pontevedrés nun comunicado, no que sinala que agora corresponderá ao Comité Nacional que terá lugar o 11 de marzo dar o visto e prace até a aprobación no Comité Federal.

Desta maneira, o PSdeG aínda non conta con candidato en Agolada, Dozón e Mondariz, zonas nas que sinala que traballará para validar aspirantes á Alcaldía nos próximos días.

Co acordo desta segunda feira, o PSOE de Pontevedra destaca que un total de 21 cabezas de lista -cifra que se poderá incrementar cos municipios pendentes- estrearanse na cita do 28 de maio, o que supón un 35% de renovación.

O secretario xeral provincial, David Regades, puxo en valor a aposta pola mocidade que chega cos novos candidatos e candidatas, conectando desta maneira ao partido coa sociedade.

As novas candidaturas chegan da man de Luís Arousa (Illa de Arousa), Iñaki Touriño (A Lama), Samuel Lago (Cambados), Adrián Vidal (Campo Lameiro), Iria Malvido (Cangas), Ana Couto (Cerdedo-Cotobade), Alba Forno (Lalín), Pablo Portas (Meaño), Mario Rodríguez (Moaña), Violeta Lois (Mondariz), Xoel Souto (Moraña), David Alonso (O Porriño), Anselmo Táboas (Pazos de Borbén), Gregorio Agís (Poio), Delfín Domínguez (Ponteareas), Iván Pontes (Pontevedra), Manuel Flores (Portas), José Luis Camiñas (Rodeiro), Félix González (Salvaterra) e María Manteiga (Vila de Cruces).

Ademais, nos 21 municipios nos que hai alcalde ou alcaldesa socialista repítese en todos os casos excepto A Illa de Arousa, onde o actual rexedor decidiu dar un paso ao lado; Vilaboa, onde Francisco Pazos xa deu paso a metade de mandato a César Poza; e Cambados, onde Fátima Abal cedeu o bastón de mando a Samuel Lago.

Por último, o comité provincial deu conta de que xa ten candidaturas para as entidades locais menores de Arcos da Condesa (Caldas de Reis) e Chenlo (O Porriño). Ademais, o PSOE pontevedrés sinala que traballará para concorrer tamén en Bembrive, Camposancos, Morgadáns, Pazos e Queimadelos.

Comentarios