Segunda sesión da moción de censura

O PSOE lembra que na investidura de Sánchez "Podemos decidiu sumar os seus votos aos do PP"

Hai desxeo, boas palabras, entre o PSOE e Podemos, mais tamén competición por ver quen ocupa o liderado da esquerda española. Na súa estrea como portavoz do grupo socialista, José Luis Ábalos anunciou a abstención do PSOE, agradeceu o "ton" da intervención de Iglesias, mais ao mesmo tempo lembrou que os votos de Podemos se uniron aos do PP na sesión de investidura de Pedro Sánchez en marzo de 2016.

35135176232_4b2b92e871_z
photo_camera José Luis Ábalos

Recolleu José Luis Ábalos a man tendida ao diálogo oferecida por Pablo Iglesias na sesión desta terza feira, mais a cousa ficou aí, sen alimentar ningunha expectativa especial de acordo entre as dúas forzas políticas da esquerda estatal.

Si que se esforzou, en troca, Ábalos en enfatizar que o triunfo da moción de censura non depende dun eventual voto afirmativo do PSOE, que non se vai producir. "Nen aínda que votásemos que si isto vai adiante. Deixen de alimentar a expectativa de que nos xogamos que Rajoy saia. Non poñan excusas. Con que maioría parlamentar goberna vosté? -interpelou Iglesias- Non ve que é inviábel? É un acto falido en orixe e, desde logo, libérenos da responsabilidade. Non é verdade que porque nos absteñamos Rajoy siga", dixo o portavoz socialista.

Ábalos non dubidou en pasar ao ataque ao verbalizar o inevitábel, a alusión ao voto negativo de Podemos en marzo de 2016 á investidura de Sánchez. "Houbo unha grande oportunidade para botar o señor Rajoy e lograr un goberno progresista neste país. Sucedeu no mes de marzo do ano pasado. Entón si daban os números [Sánchez chegara a un acordo con Ciudadanos]. Mais Podemos decidiu sumar os seus votos aos do PP e frustrar a investidura dun presidente socialista. Entón había posibilidade de mudanza e se frustrou. Non poñan máis excusas", alegou.

"A moción non vai prosperar", recapitulou Ábalos, porque, argumentou, aínda que fose apoiada polo PSOE non obtería os votos suficientes (tería 167 votos a favor face os 169 do bloco PP-Cs). En todo caso, o portavoz socialista non utilizou a súa quenda de palabra para desacreditar Pablo Iglesias como candidato, un dado que ilustra as novas relacións que se abren entre as dúas formacións políticas após o retorno de Sánchez ao seu despacho de Ferraz.

Iglesias propón ao PSOE negociar outra moción 

Na súa réplica, o candidato á presidencia do Goberno, Pablo Iglesias, ofereceu o seu compromiso de "traballar" co "novo PSOE" por "unha maioría alternativa". E puxo obxectivo a esa tarefa: "Poñámonos a traballar durante o verán para negociar unha moción de censura".

Esa nova moción podería ter como candidato Pedro Sánchez, pois a Constitución española non obriga a ter escano no Parlamento para optar á presidencia do goberno. E de feito durante os últimos días Podemos ten apontado como hipótese a de apoiar un presidenciábel socialista.

Comentarios