O PSOE insiste en Carmela Silva para presidir a Deputación de Pontevedra

O comité provincial dos socialistas reunirase este luns para ratificar a proposta da número dous de Abel Caballero. Unha elección que o BNG, necesario para o traspaso de poderes, xa manifestou que non ve como a máis acaída.

Carmela Silva (Foto: Concello Vigo)
photo_camera (Foto: Concello Vigo)


O comité do PSOE pontevedrés ratificará este luns a proposta de Carmela Silva, número dous dos socialistas en Vigo, como próxima presidenta da Deputación de Pontevedra. Así o confirmou o responsable provincial, Santos Héctor Rodríguez, que anunciou tamén os nomes dos restantes dez deputados do seu partido, segundo información recollida por Europa Press.

A elección terá que recibir o visto bo da dirección dos socialistas en Galiza, aínda que todo apunta a que non haberá cambios. A proposta de Carmela Silva foi unha das promesas máis repetidas durante a campaña electoral en Vigo, cuxo dirixentes locais controlan o aparato do partido na provincia. 

Pero o acordo está pendente das negociacións co BNG, cuxos votos son necesarios para o traspaso de poderes na Deputación gobernada durante 32 anos polo PP. O portavoz dos nacionalistas xa apuntou que non ve a Silva como a persoa máis acaída para ocupar o cargo.

Porén, o Bloque subordinou calquera pacto a un programa de mínimos -presentado publicamente esta semana- no que recolle os eixos do futuro goberno. A organización frontista sinalou ademais que os acordos nas Deputacións avanzarán profundas reformas no funcionamento dos entes provinciais cara a súa futura desaparición.

O socialista Santos Héctor dixo non ter coñecemento aínda do programa de mínimos e agarda que o BNG achegue o documento. 

Comentarios