CONSULTA

O PSOE galego non celebrará un debate entre os dous candidatos das primarias

Besteiro acode a un suposto acordo da dirección do partido para rexeitar un debate público namentres Vázquez busca observadores para velar pola transparencia da elección ante o apoio do aparato ao seu opoñente.

Comité Nacional PSdeG-PSOE
photo_camera Comité Nacional PSdeG-PSOE

Empeza a campaña electoral para as primarias consultivas que elixirán ao novo secretario xeral do PSOE en Galiza. E non con boa avinza. Co presidente da Deputación de Lugo, Xosé Ramón Gómez Besteiro -gran favorito- e o alcalde da Illa de Arousa, Manel Vázquez, como candidatos, semella que non haberá un debate público entre ambos os dous, a pesar de que @s socialistas teñen convertido a esixencia deste tipo de acto en calquera cita ante as urnas nunha das súas habituais demandas. Vázquez semella interesado en que se celebre, o que lle permitiría obter visibilidade entre a militancia, pero Besteiro descarta esa opción xa que a súa contorna afirma que dende a dirección xa se tratou o tema e se decidiu evitalo para non ofrecer unha imaxe de división.

Por outra banda, Vázquez está a solicitar por carta “voluntarios” que exerzan como “observadores” o día da tamén chamada “consulta á militancia”, algo ao que renunciou Gómez Besteiro. Vázquez di “fiarse” pero quere “as máximas garantías”, decisión complicada de desligar de que o seu opoñente sexa o claro favorito de todo o aparato socialista, coa dúbida do aínda secretario xeral Pachi Vázquez.

Comentarios