Unha “trama de intereses espurios” na Deputación de Ourense prolonga a disputa PP-PSOE

O PSOE afirma que o informe do Consello de Contas sobre os contratos de 2018 na institución é “demoledor” e “confirma” que existe unha “trama” sobre a contratación a dedo por parte de Baltar. Curiosamente toma a palabra o socialista Rafael Villarino, que estivo na lea sobre a moción de censura contra Gonzalo Pérez Jácome.

Manuel Baltar, presidente da institución, no Senado. (Foto: Deputación de Ourense)
photo_camera Manuel Baltar, presidente da institución, no Senado. (Foto: Deputación de Ourense)

Nunha nova entrega da disputa entre o PSOE e o PP ourensás, os socialistas anunciaron que están a estudar tomar accións legais despois de ter acceso ao informe “demoledor” que o Consello de Contas redactou sobre a Deputación de Ourense.

O organismo de fiscalización reproba no documento que se outorgasen sen concorrencia en torno ao 80% dos contratos e subvencións do ano 2018.

O portavoz municipal dos socialistas, Rafael Villarino, que se tiña apartado da primeira liña para dar lugar a unha moción de censura dos dous partidos contra o alcalde Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá) -pero o PP non o considerou suficiente e pediu que deixara todos os cargos-, lamentou que Ourense estea baseado “nun sistema de cadea de favores de empresas e concellos amigos que viven de Ourense e non por Ourense”.

Para o partido, o informe de Contas vén a confirmar que existe “unha trama de intereses espurios baseada nos contratos a dedo do presidente da Deputación de Ourense Manuel Baltar”.

Mesmo subliña que con este informe está a avalar a denuncia na que o PSOE “detallaba irregularidades nos contratos e subvencións da institución".

"Onde está a pluralidade da repartición equitativa e a transparencia das que presume o presidente?", preguntou Villarino antes de acusar Baltar de "tentar enganar" ao Consello de Contas falando dun hackeo informático para non dar a Conta Xeral do 2018.

Pola súa parte, o viceportavoz socialista na Deputación, Nacho Gómez, afirmou que o Consello "non é un órgano que faga informes de parte", polo que non permitirán que "Baltar siga mangoneando e corrompendo a administración pública".

Comentarios