CONFORMACIóN DO GOBERNO CENTRAL

O PSOE empraza Rajoy a tratar de formar goberno ou a renunciar de xeito definitivo

O líder do PSOE, Pedro Sánchez, trata de quitarse de enriba a presión e insiste en que debe ser Mariano Rajoy quen trate de formar goberno. De non facelo, di, deberá renunciar definitivamente á investidura.

Mariano Rajoy e Pedro Sánchez
photo_camera Mariano Rajoy e Pedro Sánchez

Nun comunicado de prensa emitido este sábado, Sánchez considera “inaceptábel” a decisión de Rajoy de desbotar a oferta do rei de ser candidato á investidura. Argumenta que “ten a obriga constitucional” de aceptar o encargo do monarca, polo que o insta a “presentar a súa candidatura á investidura ou a renunciar a ela definitivamente”.

Mentres iso non pase, o PSOE “non emprenderá negociacións con outras forzas políticas” para intentar a formación dun goberno, aínda que recoñece que manterá contactos e dialogará con outros partidos. Sánchez apunta, ademais, que Rajoy “utiliza de forma partidista as institucións” e vincula a decisión do presidente do Goberno en funcións “á complicada situación xudicial do PP”, após ser imputado o partido na sexta feira.

Pola súa banda, Rajoy advertiulle ao PSOE e a Podemos que se acaban formando goberno “non poderán gobernar” porque o PP fará valer a súa maioría no Senado para parar as grandes reformas, como a da Constitución. “Sería un goberno ás ordes de Podemos, hipotecado e humillado”, afirmou Rajoy.

Comentarios