Só 13,3% do financiamento total do PSOE e 9,7% do do PP provén das súas cotas de afiliación

As contas publicadas polos partidos políticos estatais este mes de agosto reflicten que a maior parte dos seus ingresos non proveñen das cotas dos seus afiliados, senón das subvencións públicas
Alberto Núñez Feixoo e Pedro Sánchez, nunha xuntanza decorrida en xuño de 2020 (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo e Pedro Sánchez, nunha xuntanza decorrida en xuño de 2020 (Foto: Xunta da Galiza).

As contas publicadas polos partidos políticos estatais este mes de agosto reflicten que a maior parte dos seus ingresos non proveñen das cotas dos seus afiliados, senón das subvencións públicas. Así, o PSOE e o PP só reciben 13,3 e 9,7% respectivamente  dos seus recursos dos seus respectivos afiliados. O partido que maior porcentaxe ingresou por cotas é Vox, con case  30 por cento.

O Partido Socialista, de acordo cos datos, é o que conta cun orzamento maior. En 2021 tivo un total de 79,3 millóns de ingresos da xestión ordinaria. Case un millón máis que o ano anterior.

Desa cantidade, 46,24 millóns corresponden a ingresos de orixe pública, por subvencións anuais de gastos de funcionamento, achegas de grupos institucionais e subvencións para gastos de seguridade.

O financiamento de orixe privada ascendeu a 33 millóns e é aí onde están contabilizados os ingresos por cotas de afiliados, que ascenderon o exercicio pasado a 10,62 millóns de euros. Isto supón 13,38% dos ingresos totais. A citada cifra representa un incremento de 650.000 euros sobre os ingresos de 2020 por cotas de afiliados.

Con todo, nas contas presentadas polo PSOE, produciuse unha redución de afiliados de 171.036 ao comezo de 2020 a 159.943 ao fechamento do pasado exercicio. É dicir, unha caída de 11.093 afiliados en dous anos.

Afiliacións no PP

A pesar de que declaran reducir o número de afiliados, que o PP sitúa a 31 de decembro de 2021 en 777.971, fronte aos 778.046 que tiñan o 1 de xaneiro dese mesmo ano.

Os ingresos do partido liderado por Alberto Núñez Feixoo por achegas de afiliados e cargos públicos ascenden a 2,41 millóns de euros. En doazóns rexistran 5.660 euros. En canto a "outros ingresos da actividade ordinaria" rexistran 415.116 euros.

O partido que porcentualmente se financia máis coas cotas dos seus afiliados é Vox, que recibe case 30 por cento dos ingresos dos seus seguidores. Así, dos 17,46 millóns de ingresos ordinarios que declara nas súas contas, 5,11 millóns o son de cotas de afiliados, o que supón 464.520 euros máis que en 2020.

Ademais, este partido si rexistrou incremento de afiliados ao longo de 2020 e de 2021. Pasou de 52.406 hai dous anos a 63.468 a fechamento do exercicio pasado.

O 'desastre' de Ciudadanos

O partido encabezado por Inés Arrimadas xa reflicte nas súas contas o desastre que leva sufrindo desde as últimas eleccións xerais. Reflíctese, entre outros datos, nos ingresos por cotas de afiliados, que pasaron de 2,1 millóns de euros a 1,47 millóns, 14,64 por cento dos ingresos totais, que en 2021 ascenderon a 10,09 millóns de euros. Isto son 3,15 millóns de euros menos que os ingresos do ano anterior.

Ciudadanos rexistra un total de 2,23 millóns de euros de orixe privada, onde se inclúen, ademais das cotas dos afiliados, os 726.960 euros de achegas dos seus cargos públicos, 26.157 euros de doazóns e legados e 6.176 da actividade ordinaria.

Comentarios