PSOE e BNG critican o electoralismo do caso “Pokémon”

Pachi Vázquez di que “é moi dificil crer en varias coincidencias seguidas”. No BNG exixen “xustiza mais sen intencionalidade política”. O popular Adolfo Gacio único cargo público imputado que segue nas institucións.
xustiza, xuices, xuiza,

O concelleiro do BNG en Ourense, Fernando Varela, presentou esta mañá a súa renuncia despois de ser posto en liberdade. Varela explicou nun comunicado que tomou esa decisión para actuar “en coherencia coa práctica política que sempre defendín e que define ao BNG”. Desta maneira o xa ex-edil quere evitar que a súa defensa dos cargos que lle foron imputados pola xuíza Pilar de Lara, non interferise nin no funcionamento do concello nin no do grupo municipal nacionalista.

Fernando Varela proclamou a súa “total inocencia” dos cargos que se lle imputan e amosouse convencido de que “poderá demostrala no futuro inmediato”. Francisco Jorquera asegurou hoxe que no BNG non teñen dúbida da súa “absoluta inocencia”, porén, entenden necesaria a dimisión ao “ter por norma dar exemplo de comportamento” e para favorecer que Varela se poida defender das “acusacións totalmente inxustas que se lle imputan”.

Ser mencionado nunha chamada, a causa da detención

O propio Varela fixo público que o único que o ligaría ao caso “Pokémon” é que o seu nome é mencionado nunha conversa entre dúas persoas imputadas. Con todo, manifestou que o que nela se recolle é “absolutamente falso”. A este respecto Francisco Jorquera, nunhas declaracións sobre a causa, manifestouse moi crítico co proceso denunciando que nel se “inverte a carga da proba e simples ruxes-ruxes serven para imputar unha persoa presumindo a súa culpabilidade”.

O BNG exixe xustiza mais sen intencionalidade política

O candidato nacionalista referiuse ao caso “Pokémon” nunha declaración realizada esta mañá perante os medios de comunicación en Compostela ,cando participaba nunha concentración das e dos traballador@s de Alcoa. Jorquera afirmou que “no BNG exiximos que actúe xustiza mais sen intencionalidades políticas, queremos xustiza os 365 días do ano non só en vésperas electorais”. Neste sentido, denunciou que “comeza a ser norma en Galiza que cando se achegan unhas eleccións haxa operacións espectáculo, con procedementos que deixan desprotexidas as persoas procesadas”, procedemento que insistiu en cualificar de desproporcionado nas formas por ser “máis propio de causas por terrorismo que por feitos desta natureza”.

Cando se está a desenvolver un xuízo paralelo nos medios de comunicación por mor das numerosas filtracións da causa, no que as e os procesados non se poden defender por estaren baixo segredo de sumario, Francisco Jorquera advertiu que “xa hai demasiados precedentes onde ao final se demostrou que os cargos eran falsos, mais a honorabilidade das persoas acusadas quedou cuestionada e mesmo houbo quen aproveitou para tirar réditos electorais”.

O popular Adolfo Gacio único cargo público imputado que segue nas institucións

O candidato do Bloque cargou con dureza contra Núñez Feijóo a quen acusou de facer unha “trampa” coa dimisión do alcalde de Boqueixón, que seguirá de concelleiro, xa que na súa opinión Adolfo Gacio seguirá a ser o alcalde na sombra, e instou o candidato popular a tomar nota da “actitude exemplarizante ante calquera imputación” da fronte nacionalista. Adolfo Gacio, estreitamente vecenllado a Romay Beccaria, é o único cargo público imputado que non renunciou as súas responsabilidades institucionais.

En resposta ás declaración de Feijóo falando da falla de gobernabilidade en Ourense, o nacionalista dixo que “non se pode ter tanta desvergoña”. “É lamentábel que o PP queira sacar deste acontecementos réditos electorais en Ourense” declarou.

Pachi Vázquez cuestiona a coincidencia da operación coas eleccións
O candidato socialista, Pachi Vázquez, manifestou sospeitas a respecto da coincidencia da operación “Pokémon” coa precampaña dos comicios autonómicos do vindeiro 21-O. Pachi Vázquez afirmou que “cando as casualidades coinciden varias veces seguidas é moi difícil crer nelas”. Na súa opinión non cabe dúbida de que o caso “contamina moito a acción política”

Francisco Rodríguez abandona a alcaldía despois do tira-puxa

Forzado polas circunstancias Francisco Rodríguez viuse obrigado a anunciar a súa dimisión. Malia que o rexedor non quería renunciar, a perda do apoio do BNG que hoxe abandonou definitivamente o goberno de coalición e a presión do PSdeG, que o suspendeu de militancia, forzouno a tomar a decisión que tentou evitar no tira-puxa desta semana. Esta sexta feira celebrarase o pleno en que oficializará a súa saída.

Só tres das 23 persoas detidas foron enviadas a prisión

O xefe da policía local de Ourense, A.U.., xa está en liberdade --baixo fianza de 5.000€-- despois de comparecer durante dúas horas no xulgado número 1 de Lugo. Tamén fica en liberdade o concelleiro socialista de Cospeito, M.A.P.Y, ligado a unha empresa da construción.

Arestora as detencións practicadas ao abeiro do caso “Pokémon” xa atinxen a 23 persoas. Porén, só tres delas foron enviadas a prisión. Son o responsábel da ORA de Lugo, J.R.P., o presidente do Grupo Vendex, G.R.R.A, e o ex-presidente da confederación hidrográfica Miño-Sil, Francisco Fernández Liñares.

As últimas persoas detidas, un matrimonio do Carballiño, un empresario da Fonsagrada e outro de Vigo, sairon en liberdade. Tamén quedou libre, baixo fianza de 20.000€, o propietario da empresa Sanle, M.S.

Comentarios