Adxudicacións en Arbo

O PSdeG denuncia "venda de favores políticos" en Vigo entre o PP e a Federación Veciñal

Abel Losada asegurou que a adxudicación polo concello de Arbo (PP) a unha cooperativa dirixida pola presidenta da Federación Veciñal de Vigo "ten todo o aspecto de ser un caso de corrupción”.

Abel Losada, voceiro parlamentar PSdeG
photo_camera Abel Losada

O deputado do PSdeG Abel Losada denunciou “venda de favores políticos” entre o Partido Popular e a presidenta da Federación Veciñal de Vigo, María Pérez, que se corresponderían ademais cos ataques de Pérez ao goberno municipal.

Losada solicitou ao Partido Popular que achegue unha explicación “convincente” á adxudicación por parte do Concello de Arbo, que goberna o PP, do servizo da Casa do Maior a unha cooperativa que dirixe a presidenta da Federación Veciñal de Vigo.

Asegurou ademais o deputado que xa ten solicitado información no Parlamento, mais criticou que esta foi escasa e non aclaratoria do proceso de selección por mérito e capacidade, e afirmou que "ten todo o aspecto de ser un caso de corrupción".

Desde o PSdeG afirmaron que fica constatada "a existencia de información privilexiada"

Desde o PSdeG sinalaron que fica constatada "a existencia de información privilexiada", intercambiada entre o Concello de Arbo e esta cooperativa, e denunciaron que se está a dar unha clara imaxe de "venda de favores políticos" por parte da presidenta da federación veciñal.

María Pérez negou as acusacións e convidou a Losada a dirixirse aos xulgados e vinculou as declaracións do deputado a un encontro que a propia Pérez mantivo esta segunda feira con representantes veciñais e a candidata popular ao Congreso, Ana Pastor, “co obxectivo de escoitar o movemento veciñal”, asegurou.

Comentarios