O PSOE denuncia Baltar e chámalle "campión mundial do caciquismo"

Os socialistas acusan o presidente da Deputacion de Ourense de uso partidista da web da institución, polo cal pediron a intervención da autoridade electoral.
Xosé Manuel Baltar (Dep. Ourense)
photo_camera Xosé Manuel Baltar (Foto: Dep. Ourense)

O PSOE informou de que denunciou ao presidente do PP provincial de Ourense e da Deputación, Manuel Baltar, ante a xunta electoral "polo uso partidista e propagandístico" da web e das redes sociais oficiais da institución que dirixe.

Concretamente, os socialistas sinalan que o goberno provincial publicou o 10 de xuño na web 'www.depourense.es', unha "extensa" nota titulada 'O PSOE de Ourense, en contra dos autónomos', "tanto na portada principal como nunha entrada propia que pouco ten que ver co carácter institucional que debe ter estes espazos informativos".

Así mesmo, censuran os socialistas que "as contas oficiais en redes sociais difundiron publicacións coa mesma mensaxe".

Nun comunicado, o PSOE destaca que a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Loreg) e a xurisprudencia existente "prohiben expresamente estas prácticas vergoñosas que prexudican claramente á democracia e ás institucións públicas".

"Están a empregar a Deputación de Ourense coma se fose un anexo da sede do PP para difundir propaganda electoral polo temor a un desastre electoral", advertiron, antes de lembrar que "volveron ser pillados coas mans  amasando irregularidades polas que o PP xa foi condenado nos tribunais".

Ante estes feitos, pediron a intervención da autoridade electoral xudicial e demandaron a Baltar un "cesamento no seu empeño de manchar as institucións co único fin de ser o campión mundial do caciquismo en todas as eleccións", ultimamente "con maior intensidade que nunca despois de ver como lle tremeu a cadeira que herdou do seu pai tras perder máis de 30.000 votos na provincia desde que é presidente".

"Un golpe definitivo"

Noutro comunicado, o PSdeG de Ourense acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de "pretender dar un golpe definitivo" ao Hospital Comarcal de Verín  cando finalice o proceso electoral do 12 de xullo.

Os candidatos socialistas ao Parlamento Juan Carlos Francisco Rivera e Mariña Ortega fixeron esta reivindicación este xoves ás portas do centro sanitario  verinés, onde participaron na concentración convocada pola Comunidade ás portas do centro sanitario  verinés, onde participaron na concentración convocada pola Comisión Delegada do Hospital para denunciar "a precariedade laboral" que viven os sanitarios.

"Feixoo fai moita propaganda e moito marqueting, pero a realidade é a do desmantelamento", reprobou.

Comentarios