Fai unha proposta para os comicios non seren o 25D

O PSOE contempla xa o escenario dunhas terceiras eleccións

Novo sinal de o PSOE non contemplar a hipótese dun voto -a abstención- que facilite a investidura de Rajoy. O grupo parlamentar socialista rexista unha iniciativa para reformar a lei eleitoral, cortar nunha semana a campaña e evitar que unhas terceiras eleccións fosen decorrer o 25 de decembro, día de natal.

Leiceaga fixo un repaso da situación do emprego en Galiza. Foto: Irene Pin
photo_camera Leiceaga. Foto: Irene Pin

A alternativa que contempla neste momento a dirección do grupo socialista a un fracaso de Rajoy na investidura -fracaso garantido se o PSOE mantén o non ao candidato do PP- sería a de ir a unhas terceiras eleccións, un feito inédito non só no Estado senón nas democracias occidentais.

Iso é o que se desprende do facto de o PSOE ter rexistado unha iniciativa para modificar o artigo 51 da lei eleitoral de xeito que a campaña se poda reducir a só unha semana e que, consecuentemente, as eleccións se coloquen non o día 25 de decembro, feriado, senón o 18.

O problema para o PSOE é que a proposición de lei non ten visos de prosperar, pois a súa tramitación pode perfeitamente ser bloqueada pola Mesa do Congreso -o órgao que ordena os debates da cámara- onde a direita -PP e Cs- dispón de maioría absoluta.

En todo caso, trátase dun novo aceno político que mostra a vontade da equipa de Sánchez de facer descarrilar Rajoy no trámite de investidura e a, en principio, non disposición en primeira instancia do PSOE a explorar un acordo alternativo con Unidos Podemos, alianza que, para a súa viabilización, precisaría tamén dos votos afirmativos dos partidos independentistas cataláns. Esta vía, en todo caso, aínda non está inteiramente fechada. Cumpre lembrar a este respeito que durante as súas escasas comparecencias públicas após as eleccións do 26 de xuño Pedro Sánchez enfatizou non só a oposición a investir Rajoy como a vontade do seu partido de ser parte da "solución" ao bloqueo político que existe no Estado.

Caballero continúa co seu traballo de zapa contra a dupla Cancela-Leiceaga

Mentres isto sucede, na Galiza o sector de Caballero, aliñado con Susana Díaz, continúa o seu traballo de zapa contra a dupla Cancela-Leiceaga. A última novidade, o descolgamento das candidaturas de catro novos nomes, entre eles o dun ex deputado, o ourensán Pablo López Vidal, hai non tanto fiel a Leiceaga, ben como o de dous membros dunhas Xuventudes Socialistas que levan días a denunciar a súa marxinación das listas. Leiceaga fará esta quinta feira campaña en Vigo. Non haberá foto do morbo con Caballero, que xa encheu a súa axenda como alcalde de actos para evitar comparecer co candidato do seu partido á presidencia da Xunta.

Comentarios