O Congreso terá lugar en maio

O PSOE consultará coa militancia o acordo de investidura ou de goberno

O secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, anunciou na mañá do sábado no Comité Federal que consultará coa militancia se chega a un pacto de investidura ou de goberno con outras formacións políticas. Ademais, o Comité Federal adiantou o Congreso do PSOE a maio.

[Imaxe: @mariagv]
photo_camera [Imaxe: @mariagv]

O Comité Federal do PSOE reúnese a estas horas en Ferraz para debater sobre os posíbeis pactos aos que poder chegar para formar unha maioría alternativa ao PP no Congreso. Neste contexto, Pedro Sánchez anunciou que consultará coa militancia calquera posíbel acordo de investidura ou de goberno con outras forzas políticas.

“Que ninguén se preocupe”, salientou o dirixente socialista, quen lle advertiu aos baróns críticos coa súa xestión á fronte do PSOE que calquera acordo “terá todos os filtros posíbeis, todas as garantías”, entre as que se atopa “unha consulta á militancia”.

O Congreso no que se determinará o futuro de Sánchez adiántase ao 21 e 22 de maio após as reiteradas presións de varias federacións

O Congreso, en maio

Pola outra banda, a Executiva do PSOE aceptou, por unanimidade, adiantar o 39 Congreso no que se determinará o futuro de Sánchez ao 21 e 22 de maio após as reiteradas presións de varias federacións do PSOE, que rexeitaban a convocatoria do Congreso para os días 18 e 19 de xuño, datas baralladas nun primeiro momento.

A Dirección do PSOE quería convocar o Congreso en xuño, mentres que as federacións críticas, coa andaluza, dirixida por Susana Díaz, á cabeza, querían convocalo a primeiros de maio. A decisión final viría após a reunión do secretario de Organización do PSOE, César Luena, cos dirixentes territoriais, que botaron abaixo o calendario debuxado pola Dirección.

Comentarios