O PSOE apoiará a cadea perpetua encuberta, mais sen nomeala

Propón un pinchacarneiro lingüístico para apoiar a medida mais sen recollela explicitamente no texto do "pacto anti-terrorista" que negocia co goberno español. 

La Moncloa
photo_camera [Imaxe La Moncloa]

Embora nun primeiro momento supor un atranco para negociar o "pacto anti-terrorista", o PSOE apoiará a "prisión permanente revisábel" incluída na reforma do Código Penal. Así o avanzaron eldiario.es e El País. Segundo ambas as dúas publicacións a proposta que será remitida esta terza feira ás demais forzas políticas --na procura de máis grupos asinantes-- incluirá a proposta d@s socialistas. 

Neste senso, en troca da idea inicial achegada polo PP e na que se prevé punir os delitos de "terrorismo" que causen morte de persoas coa pena de "prisión permanente revisábel" --unha sorte de cadea perpetua encuberta-- o texto lexislativo apuntará ás "penas previstas no artigo 35 do Código Penal". Un punto pendente de modificación á espera de se aprobar, definitivamente, no Senado a reforma deseñada polo goberno español e á que o PSOE votou en contra na Cámara baixa. 

Rexeitamento

Segundo a proposición de lei aprobada no Congreso "son penas privativas de liberdade a prisión permanente revisábel, a prisión, a localización permanente e a responsabilidade persoal subsidiaria por impagamento dunha multa". 

Até 60 catedrátic@s de Dereito Penal e Amnistía Internacional opuxéronse a unha medida que coidan unha cadea perpetua encuberta

A esta medida amosaron o seu rexeitamento todos os grupos da oposición --incluído o PSOE-- e até 60 catedrátic@s de Dereito Penal de 33 universidades públicas do Estado español, o Consello Xeral do Poder Xudicial, Greenpeace e Amnistía Internacional. Segundo os manifestos difundidos a prisión permanente revisábel supón unha cadea perpetua encuberta ao seren as condicións da revisión tan duras que, de facto, torna imposíbel a devandita revisión da condena. 

Neste senso, a oposición coida que a súa aprobación pode contravir o principio de reinserción recollido na Constitución española.

Comentarios