O PSOE acusa Feixoo de non aplicar a lei contra a discriminación LGTB cando presidía a Xunta

A formación socialista acusa o presidente do PP estatal de “claudicar perante  Vox".

felipe sicilia psoe-min
photo_camera O portevoz da Executiva Federal do PSOE, Felipe Sicilia, en Santiago.

O portavoz da Executiva Federal do PSOE, Felipe Sicilia, asegurou este sábado  en Santiago de Compostela que o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, " claudica perante  Vox" e censurou que non aplicase a lei contra a discriminación LGTBI na Galiza, a iniciativa dos socialistas galegos, aprobada en 2014 cos votos favorábeis de todos os grupos do Parlamento galego.

Así, sinalou que Feixoo "non puido dicir que non" a esta lei porque "evidentemente non se ía a negar a loitar contra a discriminación", mais "gardouna nun caixón".

"O que non puido aplicar na Galiza, non vai poder aplicalo a nivel de Estado e máis aínda dependendo da extrema dereita, xa que está claro que o que fixo Feixoo neste último tempo foi  claudicar: primeiro perante a corrupción do seu partido e despois perante a extrema dereita de Vox", criticou.

Neste sentido, cuestionou que "se tivo a posibilidade de loitar contra a discriminación cunha lei na Galiza e non a quixo aplicar, que vai facer entón a nivel estatal?".

Así, engadiu que agora "Feixoo xa non é libre" e "está hipotecado pola extrema dereita". "Se non cre na loita contra a discriminación, imaxínense se está hipotecado por  Vox e a extrema dereita que día tras día o que fai é atacar colectivos como o LGTBI ou chegar a desprezar as persoas con discapacidade, como vimos hai uns días a unha deputada de Castela e León", manifestou.

Sicilia, que participou nunhas xornadas en Santiago sobre a 'Lei Zerolo' -Lei integral para a igualdade de trato e a non discriminación-, insistiu tamén, sobre o actual presidente do PP, que "o que non foi bo para a Galiza, tampouco o vai a ser para España".

Así mesmo, censurou que o colectivo LGTBI foi "desprezado e esquecido" por Núñez Feixoo e polo Goberno da Xunta. Ante isto, argumentou que nos últimos anos "tan só destinou 0,002%" a políticas para o colectivo LGTBI e para "loitar contra a discriminación que sofre este colectivo",

Nesta mesma liña, sentenciou que o líder dos populares "non creu nas políticas para loitar contra a discriminación".

Comentarios