PSOE acada un acordo con Geroa Bai, Podemos e IU para gobernar en Nafarroa

Suman 23 das 50 cadeiras do Parlamento fronte ás 19 da coalición dereitista Navarra Suma. Precisarían, pois, da abstención de EH Bildu (8 deputadas).

nafarroa @martxelodiaz
photo_camera Foto: @martxelodiaz

María Chivite (PSOE), Uxue Barkos (Geroa Bai), Eduardo Santos (Podemos) e Marisa de Simón (Izquierda-Ezkerra, coalición fundada por IU e Batzarre) compareceron conxuntamente esta sexta feira para confirmar que atinxiron un precordo programático, un paso cara á articulación dun goberno en Nafarroa. Chivite agradeceu ás outras tres formacións a disposición para chegar a un acordo e indicou que ese pacto de 70 páxinas ten que ser ratificado agora polas diferentes organizacións.

A candidata socialista defendeu que o acordo é unha aposta progresista e en chave de autogoberno e mantense en que non vai falar con EH Bildu. De por parte, Uxue Barkos considera que este pacto vai polo camiño de procurar consensos e de acordar “entre diferentes”. As comparecentes defenderon que é unha aposta nunha alternativa á dereita en Nafarroa.

Estas catro formacións suman 23 das 50 cadeiras do Parlamento navarro: PSOE (11), Geroa Bai (9), Podemos (2) e IU (1). A coalición de dereita española Navarra Suma (onde están PP, Ciudadanos e UPN) ten 19. EH Bildu  logrou 8 representantes. A súa abstención é necesaria para que poida ser investida a candidata socialista, apoiada por Geroa Bai, Podemos e I-E.

Comentarios