Política

PSdeG pide "reforzar" o sistema sanitario e "incrementar" camas de UCI para a chegada do pico de contaxios

O secretario xeral, Gonzalo Caballero, afirma que "algo fallou" nas residencias de maiores, nas que se produciron "contaxios masivos" da enfermidade COVID-19.
Gonzalo Caballero (Europa Press)
photo_camera Gonzalo Caballero nunha rolda de prensa (Europa Press).

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou esta cuarta feira que é preciso "reforzar" o sistema sanitario e sinalou as unidades de coidados intensivos (UCI) como "elemento fundamental" cando chegue o pico de contaxios por coronavirus. Na Galiza, remarcou, "hai un número de camas de UCI que hai que incrementar".

Caballero incidiu en que a Xunta ten que "fortalecer" a sanidade pública ante os casos de "contaxio masivo" de coronavirus que se produciron en residencias de maiores, onde hai "xa máis de 450 afectados". "Sen alarmismo, pero conscientes de que a situación é moi grave", dixo, após lamentar os falecementos. 

Nunha comparecencia telemática ante os medios de comunicación, o líder das socialistas galegas pediu "un plan urxente" de atención sanitaria e social que supoña incrementar o persoal, o material e as infraestruturas nestes dous eidos, ambos competencia da Xunta da Galiza.

"Fortalecer o sistema sanitario galego é unha prioridade; necesitamos un sistema robusto, potente en recursos humanos e materiais para resistir o pico", sentenciou Caballero, quen repasou os datos que proporcionou onte o titular da Xunta, Alberto Núñez Feixoo e asegurou que "fai ben" o Executivo galego en acudir a todos os mecanismos dos que dispoña para dotarse de máis respiradores e poder aumentar o número de UCIs, tendo en conta que as que hai "de forma regular" (160) prevense "insuficientes" para o pico.

"Algo fallou" nas residencias

Trátase, segundo as palabras de Gonzalo Caballero, de tomar medidas fronte a "un escenario moi complexo" que podería levar ao límite ao sistema de saúde. "Xa haberá tempo para avaliar que pasou ante o desbordamento das previsións de contaxios en residencias que tiña a Xunta", subliñou para acreditar que "algo fallou" nestes centros socio-sanitarios.

En paralelo, Caballero chamou tamén á Xunta a desenvolver medidas no eido económico "que acompañen a iniciativa do Goberno do Estado, tal e como están facendo xa os concellos e as deputacións, que están dispoñendo xa axudas para comida e fármacos para a poboación con dificultades".

"As medidas que se están aplicando eran imprevisíbeis hai uns meses, pero imprescindíbeis para saír desta crise, e polo tanto entre todos e todas temos que dar resposta a esta situación para frear os contaxios", recordou o líder socialista, que garantiu "lealdade" ao Goberno estatal e á Xunta na loita contra a COVID-19.

Comentarios