Galiza vai ás urnas

Finaliza a cuarta campaña electoral do ano

As forzas políticas poñen o ramo á campaña electoral das xerais, cun cenario aberto para a Galiza e con todo por decidir. As e os candidatos chaman á participación nos cuartos comicios deste 2019.

Finaliza a cuarta campaña electoral do ano
photo_camera Caballero, Feixoo, Gómez-Reino, Pontón, Pino e Bescansa.

Só fican unhas horas para que abran os colexios electorais este domingo 10 de novembro e a Galiza está chamada ás urnas para votar nos cuartos comicios de 2019. As votacións ao Congreso e o Senado chegan após as eleccións xerais de abril e as europeas e municipais do mes de maio.

A incapacidade para formar Goberno no Estado abocou de novo ás urnas. O Partido Popular e o PSdeG compiten por ser a primeira forza na Galiza após Gonzalo Caballero adiantar Núñez Feixoo nas últimas xerais. O PSdeG agarda non perder votos e o PP chamou insistentemente na campaña a concentrar o voto da dereita nas súas siglas, agardando arrebatar a Ciudadanos a súa actual representación pola Galiza, temendo ao tempo que Vox lle reste apoios.

En Común – Unidas Podemos agardan que a falta de acordo entre Pablo Iglesias e Pedro Sánchez non pase factura e en conservar as dúas actas que logrou en abril. Pularon na campaña por mobilizar o voto de esquerdas e en formar coalición no vindeiro Executivo.

«Unha oportunidade para a Galiza recuperar voz propia», reivindicaron desde o Bloque Nacionalista Galego nesta campaña. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, interveu no último mitin en Vigo coas enquisas apuntando á volta do nacionalismo ás Cortes Xerais e cun discurso alicerzado en defender a Galiza e as liberdades, nun contexto en que o ultraespañolismo ameaza as nacións sen Estado, os nacionalismo e os dereitos sociais.

Más País estréase nestes comicios presentándose como unha esquerda que desbloqueará a conformación de Goberno central.  Tanto Ciudadanos como Más País non pecharon campaña na sexta feira na Galiza, e acudiron a Madrid e Barcelona para arroupar os seus líderes estatais.

Caballero chama a votar PSdeG para impedir "un pacto da dereita coa ultradereita"

Vimianzo foi a localidade escollida por Gonzalo Caballero, secretario xeral do Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG), para pechar a campaña electoral da formación do presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez.

Gonzalo CaballeroO líder dos socialistas galegos quixo pedir o voto para a súa formación para impedir “un pacto da dereita rancia coa perigosa ultradereita”, pois para el “un goberno de PP, Vox e Ciudadanos sería unha bomba nuclear para as liberdades políticas e os dereitos sociais”.

Deste xeito, Gonzalo Caballero advertiu de que Casado “está controlado dende dentro do PP por Aznar e dende fóra, por Vox”, “unha ultradereita racista, xenófoba, machista” que trae consigo un “risco de involución” a todos os niveis. Así, reclamou á cidadanía “castigar nas urnas” a dereita “sen escrúpulos” por pactar coa extrema dereita.

“A coalición da dereita coa extrema dereita implicaría un ataque ao estado do benestar, aos dereitos das mulleres e das persoas Lgtbi, ao autogoberno galego e á liberdade de opinión e prensa”, recalcou, ao tempo que chamou a atención sobre os efectos que tería esa coalición sobre o autogoberno, a lingua e a cultura galegas.

Ademais, fixo un chamamento ao “voto útil” a todos aqueles “que senten a esquerda e que non perdoan que o seu voto non servira para apoiar un presidente socialista”, ademais de a “todos os descontentos de PP e Ciudadanos que rexeitan os acordos coa ultradereita”.

Feixoo insiste en concentrar o voto de dereitas nas siglas PP

O presidente do Partido Popular de Galiza (PPdeG), Alberto Núñez Feixóo, pediu no acto de peche de campaña da súa formación, celebrado en Pontevedra, que a xente “non esqueza este domingo por que e por quen” volve ás urnas.

feixooO líder dos populares apuntou a que os socialistas foron “incapaces” de formar Goberno, e criticou a Pedro Sánchez o feito de pensar que os cidadáns “o premiarían por bloquear España tres veces”. “Primeiro gobernou sen gañar; cando despois gañou, creu que tiña maioría absoluta e, ao final, todos os españois saímos perdendo”, apostilou.

Feixóo engadiu que o 10 de novembro o importante é que a cidadanía “recorde a inestabilidade á que o Partido Socialista levou a España”, así como o “paro”, a “inacción ante a desaceleración económica”, a “ambigüidade e a equidistancia ante os extremistas” e o “continuo menosprezo a Galicia e aos traballadores de Alcoa, de Endesa, do sector forestal, da automoción ou do naval”

Ademais, fixo un chamamento a “non caer na trampa” da división do voto da dereita, avogando por “votar partidos que realmente poden lograr escanos”, pois en Galiza “só o PP” pode conseguilos.

Díaz e Gómez-Reino animan a xente de esquerdas a votar En Común-Unidas Podemos

As e os candidatos de En Común – Unidas Podemos pecharon a campaña electoral cun acto celebrado nun pub de Compostela que estivo amenizado polo trío ourensán de swing Menàge a Trois.

Unidas podemosO carácter festivo deste, porén, contrastou coa solemnidade das declaracións de Yolanda Díaz, número un por Pontevedra, que lembrou “o moito que está en xogo nestas eleccións”, advertindo da ameaza “dunha estrema dereita xa instalada no Congreso” e facendo un chamamento aos “socialistas de corazón”.

Pola súa banda, o candidato pola circunscrición da Coruña Antón Gómez-Reino salientaba a posibilidade de ter “un Goberno de esquerdas no que Galiza estea dentro”, así como o feito de que a súa formación resulta fundamental para facer “que Galiza conste nun Goberno forte, que entenda as necesidades do mar, do agro, da industria e do patrimonio histórico e natural”.

A candidata por Lugo, Vanessa Somoza, mostrouse crítica con esta cita electoral: “Convocaron estas eleccións para derrotarnos a todas. Para que ficarades na casa e pensarades que todos os políticos son iguais e ter así a vía libre para seguir saqueando e espoliando os traballadores e traballadoras. Mais estamos en pé fronte ao bipartidismo, dicindo que este sistema podrecido xa rematou, e que chegou a hora da xustiza social”,

Finalmente, David Bruzos, número un por Ourense, quixo lembrar que “o voto que vale, é o voto de esquerdas”.

Pontón salienta que o BNG "é o voto que garante a defensa de Galiza e dos dereitos sociais e liberdades"

“Pechamos campaña e quero facelo apelando ao orgullo e a dignidade dos galegos e das galegas”, proclamou a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, no mitin de peche de campaña da formación, celebrado en Vigo.

Ana PontonA líder do Bloque pediu sumar “todo o voto de país e todo o voto das persoas progresistas desencantadas co PSOE-Podemos, porque non defenderon Galiza, non avanzaron en dereitos sociais e porque non plantaron cara ao discurso antidemocrático e antigalego da extrema-dereita, ao que, por contra, déronlle novas oportunidades nas urnas”.

“Votemos con ilusión, con orgullo e con convicción collendo a papeleta do BNG porque é o voto que garante a defensa de Galiza e a defensa dos dereitos sociais e das liberdades, ante a discriminación das forzas estatais e os aires involucionistas que veñen de Madrid”, salientou Pontón na cidade olívica.

Ademais, Ana Pontón fixo un chamamento aos votantes galegos para “concentrar todo o voto de país” na súa formación co obxectivo de “acabar coa discriminación” e darlle “voz propia a Galiza no Estado”, incidindo especialmente nas persoas desencantadas co PSOE e con Podemos, “que antepuxeron o reparto de poltronas ao interese da maioría social, que foron mornos ante un discurso antidemocrático e que foron irresponsábeis dando novas opcións ao avance da dereita e da extrema dereita”.

A nacionalista insistiu en sumar no Bloque para “facerse valer ante o Estado, pasar a páxina da discriminación e plantar cara a unha extrema dereita racista, machista, xenófoba antigalega”. “Nós non imos fallar: o voto ao BNG é garantía de defensa de Galiza e garantía de defensa de dereitos sociais e da democracia”, recalcou.

Pola súa banda, a cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego por Pontevedra, Carme da Silva, quixo reafirmarse na importancia de ter unha voz propia “non alienada” que defenda os intereses de Galiza en Madrid, lembrando que co Bloque ausente do Congreso as 23 deputadas e deputados electas “non só non se moveron na defensa do país con iniciativas parlamentarias, senón que actuaron contra os intereses dos galegos e das galegas”.

Finalmente, nun momento cargado de emotividade, Da Silva falou do afundimento do Prestige hai 17 anos, e fixo un símil coa actual situación de Galiza: “Entón foron os propios galegos e galegas os que coas súas mans limparon as costas galegas. Ao noso país nunca lle regalaron nada, sempre o tivemos que loitar e defender por nós mesmos, buscar nós as solucións. Entón dixemos Nunca máis e agora, o vindeiro domingo nas urnas, debemos parar ese novo chapapote que nos ameaza que son as forzas estatais que nos ignoran e discriminan. Temos que volver a darlle voz a Galiza en Madrid votando ao BNG e berrar:  nunca máis Galiza silenciada”.

As e os candidatos de Cs acoden a Barcelona para arroupar Rivera

As e os candidatos galegos de Ciudadanos non desenvolveron ningún acto de peche de campaña en Galiza, desplazándose a Barcelona para acompañar a Albert Rivera no evento central do partido.

Beatriz PinoA formación laranxa centrou as últimas horas da súa campaña a nivel galego en criticar a Miguel Tellado, o secretario xeral do PPdeG, por unhas declaracións nun mitin nas que instaba os simpatizantes dos populares a “meter a man no buzón dos veciños” e “coller os sobres coa bandeira de España” –en referencia á propaganda electoral empregada por Vox- para logo “tiralos ao lixo”.

O secretario xeral de Ciudadanos en Galiza, Laureano Bermexo, cualificou as declaracións de Tellado como un “desprezo a todos os galegos”, e mostrouse “indignado” polo feito de que un político “inste os seus militantes a que actúen como un exército para cachear os buzóns dos seus veciños e a que saian roubar, que é un delito”.

Logo de definir Miguel Tellado e todo o seu partido de “caciques”, e de acusalos de empregar “tácticas sucias”, así como de tratar todos os galegos “coma se fosen parvos”, afirmou que as palabras de Tellado son “despreciábeis”, e que neste caso o voto útil demóstrase “que é o de Ciudadanos”.

Bescansa asiste ao mitin de Errejón

Os candidatos de Máis Galicia, con Carolina Bescansa á fronte, pecharon a campaña electoral arroupando o líder de Más País, Íñigo Errejón, nun acto que tivo lugar no Pavillón Satélite da Casa de Campo de Madrid.

El candidato a la presidencia por Más País, Iñigo Errejón (2i), junto a la candidata por A Coruña al Congreso de los Diputados, Carolina Bescansa (1i), y la exalcaldesa de Madrid, Manuela Carmena (1d), durante el acto de clausura de campaña en Madrid, a 8 de noviembre de 2019.08 noviembre 2019; Errejón; Más País; elecciones, votaciones; 10N; partidos; política11/8/2019Ademais de Bescansa, nomes destacados vinculados á formación como a ex alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena; a vicepresidenta da Generalitat Valenciana, Mónica Oltra; ou o actual voceiro de Compromís no Congreso dos Deputados, Joan Baldoví, quixeron estar presentes no acto de peche de campaña.

A líder de Máis Galicia, Carolina Bescansa, fixo unha valoración da campaña electoral para Sermos Galiza na que quixo destacar “o traballo das ducias de militantes e simpatizantes”, o compromiso da súa formación de traballar en pos “da construción dunha nova maioría para permitir un resultado diferente” e o seu convencemento en que o resultado do domingo permitiralles ter a forza “suficiente” para “evitar” o sucedido o pasado 28 de abril.

Ademais, Bescansa dedicou unhas palabras aos veciños e veciñas afectados pola mina de Touro, definíndoos como “exemplo do que é a patria”: “Hai quen pensa que pode seguir agredindo o territorio e facendo minas que van destruír hectáreas enteiras como se non pasara nada, pero os veciños e as veciñas de Touro están a demostrar que cunha mobilización organizada, coa xente defendendo o territorio, o país, a patria, porque iso é a patria, poden pararse as cousas que os mafiosos, os especuladores e os corruptos están tratando de facer co noso país".