O PSdeG vota no Parlamento a favor de baixar ao 'Pitanxo' mentres o PSOE se abstén no Congreso

Pese a votar a favor da proposición non de lei debatida na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego, o grupo socialista denunciou a "politización" da traxedia do Vila de Pitanxo.
Xunta de portavoces no Parlamento galego. (Foto: Europa Press)
photo_camera Xunta de portavoces no Parlamento galego. (Foto: Europa Press)

A Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento da Galiza debateu esta terza feira unha proposición non de lei para instar ao Goberno español a que mobilice os recursos necesarios para localizar o pecio do Vila de Pitanxo e baixar até os restos para intentar investigar as causas do naufraxio.

A iniciativa, impulsada polo Partido Popular (PP), saíu adiante por unanimidade cos votos a favor dos propios populares, do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e do Partido Socialista da Galiza (PSdeG).

Ao mesmo tempo, a Comisión de Agricultura do Congreso aprobou unha iniciativa que insta ao Executivo de Pedro Sánchez no mesmo sentido que a debatida na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo.

Neste caso, a iniciativa saíu adiante cos votos a favor de todas as formacións políticas, a excepción do Partido Socialista (PSOE), que neste caso optou por absterse.

"Politización" da traxedia

Pese a votar a favor da proposición non de lei debatida na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento galego, o grupo socialista denunciou a "politización" da traxedia do Vila de Pitanxo.

Neste sentido, o PSdeG presentou unha emenda para que se solicitase a baixada ao pecio sempre e cando as investigacións o solicitasen, pero foi rexeitada.

En canto as outras dúas formacións políticas, o BNG lamentou que se teña que debater esta cuestión coa tecnoloxía existente actualmente e cos indicios dun presunto delito de homicidio imprudente atopados pola Audiencia Nacional.

Pola súa parte, o PP lembrou que o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, comprometeuse a facer "todo o posíbel" para atopar os falecidos e descubrir as causas do sinistro.

Comentarios