O secretario de Transición Enerxética e Planificación Industrial do PSdeG, Ángel Mato, instou onte á Xunta da Galiza a "poñerse a traballar na procura de solucións" ante a paralización xudicial de medio centenar de parques eólicos "cuxa autorización lle corresponde á administración autonómica".
Neste sentido, urxiu ao Goberno galego a “garantir a seguridade xurídica dos investidores, desenvolvendo unha planificación correcta", sinala nun comunicado.
Ademais mostra mostra a súa "preocupación" ante a solicitude dunha reunión urxente por parte da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, á ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, "para coñecer as medidas que vai adoptar o Goberno español".
Tras denunciar "falta de xestión da Xunta en canto á planificación de renovábeis", ademais cuestiona se a solicitude desta cita á ministra puidese supoñer que o Executivo galego "en lugar de porse a traballar na procura de solucións" opte por "baixar os brazos" e centre os seus esforzos "en descargar responsabilidades noutras administracións".