Mitin en Vigo

O PSdeG trata de escenificar sen éxito a unidade do seu partido cara ao 25S

O mitin en Vigo evidencia as diferenzas internas sen resolver dos socialistas en Galiza. Pedro Sánchez abandonou o mitin antes da intervención de Leiceaga para coller un avión a Madrid. Abel Caballero e Carmela Silva apenas fixeron mención ao candidato da súa formación á Presidencia da Xunta.

Mitin en Vigo con Leiceaga e Sánchez (Imaxe: PSdeG)
photo_camera Mitin en Vigo con Leiceaga e Sánchez (Imaxe: PSdeG)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, visitaba por primeira vez Vigo na presente campaña. Unha praza incómoda para o líder dos socialistas galegos, malia ser o principal bastión do seu partido no país e pese a contar coa presenza do líder estatal, Pedro Sánchez. O mitin co que fechaba a axenda desta cuarta feira, no Auditorio Mar de Vigo, resultou unha sorte de escenificación ao redor da unidade do PSdeG. Unha escenificación sen éxito. 

Xa desde o inicio do acto ficou claro que a unidade fica só como paréntese electoral, como decorado de campaña. Sánchez e Leiceaga entraron xuntos, en primeiro lugar, secundados por Abel Losada, cabeza de lista en Pontevedra, na sala onde se celebraba o mitin. Á cola da comitiva aparecían os outros cabezas de cartel: o alcalde de Vigo, Abel Caballero, mirando o seu móbil, xunto a presidenta da Deputación de Pontevedra e primeira tenente de alcalde, Carmela Silva

A decisión da dirección federal de deixar fóra da candidatura nomes afíns a Abel Caballero –para acomodar o seu sobriño, Gonzalo Caballero, unha das voces máis crítica co rexedor– é unha ferida sen fechar. Mais se esta imaxe non ilustraba suficiente a ruptura entre faccións socialistas, as intervencións acabaron por confirmalo. 

Caballero abriu o acto dando a benvida a Sánchez e “tamén o candidato”, non volveu nomear a Leiceaga no seu discurso.

Abriu o acto Caballero dando a benvida a Sánchez e “tamén o candidato”. Non volveu nomear a Leiceaga durante o seu discurso. En cambio, o alcalde recorreu o seu argumentario habitual centrado nos logros propios na cidade. Falou del mesmo e de Vigo; só contra o final, fixo algunhas referencias a Sánchez e Silva. Lembrouse mesmo do candidato do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, para recordarlle, iso si, os litixios abertos entre ambos durante os últimos anos, como a Área Metropolitana ou o Hospital Álvaro Cunqueiro. “Vigo volverá deter a Feijóo, como fixemos nas municipais, porque non queremos a Feijóo na Xunta”, afirmou Caballero.

Deu paso a Carmela Silva. “Pedro, esta cidade sempre te recibe con aprecio. Vigo te queres, e ti queres a Vigo. Tamén saúdos para Leiceaga, o noso candidato”, dixo e, intres despois, o auditorio estalou nun acto case coreografiado en aplausos e berros de “presidente, presidente”, quer por Leiceaga quer por Sánchez. O certo é que tampouco Silva se lembrou demasiado do aspirante do PSdeG durante a súa intervención. Por contra, devolveu os eloxios a Caballero e lanzou unha chiscadela a Abel Losada. “Non sei se lle gustará que o conte, pero vouno contar. Cando pasou o terremoto de Haití, este home doou todos os seus aforros”, explicou a presidenta da Deputación de Pontevedra, para exemplificar o espírito dos socialistas. 

Sánchez chamou a superar as enquisas, “que non nos desexan ningunha boa sorte, pero que nunca acertan”

Chegou entón o momento estrela, a intervención de Pedro Sánchez. O líder estatal dos socialistas arrancou pedindo desculpas porque tiña que ausentarse antes de finalizar o mitin para coller un avión a Madrid. Sánchez chamou a superar as enquisas, “que non nos desexan ningunha boa sorte, pero que nunca acertan”, e quixo evidenciar a suposta tregua na federación galega do seu partido. “Síntome moi orgulloso de que o alcalde de alcaldes sexa Caballero. Precisamos persoas tan comprometidas como Abel, como Carmela, como Xoaquín cando sexa presidente”, valorou o secretario xeral do PSOE. En canto rematou o seu discurso, marchou antes das intervencións a cargo de Losada e Leiceaga.

Fechou o mitin o candidato dos socialistas galegos, que se esforzou por mostrar un achegamento con Caballero e Silva. “Estou moi orgulloso de estar aquí, tamén algo nervioso”, recoñeceu Leiceaga, que dixo querer "trasladar a Galiza o que se está facendo en Vigo" e prometeu "ir da man en todos os proxectos" para a cidade. “Quédannos dez días para facer posíbel o cambio, que non é un mero desexo”, salientou ante os centos de asistentes o mitin. “

O PSdeG tentou que a PAH non se manifestara na porta

Outro dos escenarios do mitin estivo nas portas do Auditorio. A Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) Vigo-Tui-Baixo Miño manifestouse para pedir o compromiso do PSdeG coas '5 da PAH', as cinco medidas que o colectivo considera imprescindíbeis para rematar cos despexos. Unha estratexia habitual da plataforma nas últimas campañas. Porén, horas antes do acto electoral, representantes do PSdeG trataron de os convencer de que non se concentrasen na entrada. A PAH pediulles que sumasen as cinco propostas ao programa socialista, ante o que conseguiron arrancar un compromiso de palabra. “Dixeron que polo xeral estaban de acordo”, explica un dos seus voceiros. Un acordo que Abel Caballero dinamitou en apenas dous minutos de intervención. “En Vigo non hai despexos porque se resolven no despacho do alcalde de Vigo”, dixo o rexedor, en clara alusión aos manifestantes.  

Comentarios