O PSdeG de Santiago exixe a Fernández que deixe a acta de edil

O concelleiro seguirá no pleno como non adscrito.
Rolda de prensa de Xosé Sánchez Bugallo en Santiago. (Foto: Europa Press)
photo_camera Rolda de prensa de Xosé Sánchez Bugallo en Santiago. (Foto: Europa Press)

O xa ex concelleiro do Goberno local de Santiago, Javier Fernández, dimitiu esta segunda feira despois de que o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, decidise retirarlle as competencias sobre os centros socioculturais e atribuírllas á tenente de Alcaldía, Mercedes Rosón –que tamén está ao cargo das áreas de Urbanismo, Acción Cultural e Igualdade-. 

Após coñecer a reestruturación das atribucións do Goberno, publicada esta segunda feira no Boletín da Provincia (BOP) sen aviso previo, o edil dimitiu, mais coa intención de continuar no Consistorio como non adscrito.

O texto da Alcaldía explica que o "valor" dos centros socioculturais e a parada da actividade que estes sufriron coa pandemia fan "fundamental incrementar a súa coordinación" coa área de Cultura do Concello, en mans de Rosón. Así, o alcalde reiterou que o cambio de atribucións non ten que ver coas protestas das e dos empregados destes centros polas condicións de traballo, senón  ao "reforzo e mellora" da área de Obras, que levaba o xa ex edil.

O PSdeG de Santiago recordoulle a Fernández que concorreu ás eleccións baixo as siglas do partido e cuns “ideais reflectidos” nun programa do que “agora se desvincula”. O partido sostén que os reaxustes do Goberno municipal son “competencia do alcalde, que toma as decisións pensando no mellor funcionamento do Goberno local e no servizo á cidadanía”, buscando un reparto de atribucións “que sexa operativo e adecuado á situación actual”.

Ademais, Bugallo indicou que se trata dunha decisión que "tiña tomada antes de verán". Aliás, desde o PSdeG sosteñen que “é prerrogativa do concelleiro asumir as súas novas responsabilidades ou, en caso de non facelo, renunciar a súa acta” e engadiron que “en ningún caso a discrepancia cun reaxuste na configuración do Goberno pode constituír unha desculpa aceptábel para este comportamento”. Desde o partido lamentan que o edil “rexeite o compromiso engadido” ao asumir as competencias de Relacións Veciñais, Barrios e Obras. 

Villarino desexa "o mellor" a Francisco Rodríguez

O secretario do PSdeG de Ourense, Rafael Villarino, e anterior candidato á Alcaldía, desexou "o mellor" ao ex rexedor da cidade Francisco Rodríguez e manifestou a súa confianza en que o partido "acerte" coa súa designación agora como candidato á Alcaldía.

Villarino, que dimitiu como portavoz local tras coñecerse a decisión do partido de levar como candidato Rodríguez e de suspender as primarias, sostivo que "non era algo esperado", mais tamén que "se trata dunha decisión da Comisión Federal e ante isto non hai nada que dicir".

Comentarios