O PSdeG reclama á Xunta destinar fondos Next Generation a un plan de rexeneración de rías e ríos

Segundo as cifras de Augas da Galiza o estado dos ríos e rías empeorou en 2020. “Hai identificados 21 novos puntos de verteduras nas rías, até un total de 1.596”, denuncia Arangüena.

O viceportavoz socialista no Parlamento, Pablo Arangüena (Foto: Europa Press)
photo_camera O viceportavoz socialista no Parlamento, Pablo Arangüena (Foto: Europa Press)

O viceportavoz do PSdeG no Parlamento galego, Pablo Arangüena, presentou unha serie de iniciativas para reclamar á Xunta un plan integral de rexeneración das rías e dos ríos galegos no que empregue financiamento tanto estatal como europeo, a través dos fondos Next  Generation.

Nun comunicado, o socialista urxe a completar na presente lexislatura o saneamento destes espazos da Galiza, dado o "pésimo balance" que reflicten os propios datos de Augas da Galiza, fronte ás afirmacións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na última sesión de control na Cámara.

Neste contexto, Arangüena recolle as cifras de Augas e asegura que a situación empeorou en 2020, a pesar da paralización de actividades económicas pola pandemia. Así, sinala que hai identificados 21 novos puntos de verteduras nas rías, até un total de 1.596.

Ademais, o viceportavoz parlamentario do PSdeG pon o foco en que os puntos negros tan só baixaron en catro -de 253 a 249-, o que "implica un fracaso da política de saneamento" das rías.

En concreto, menciona as rías do Barqueiro, Viveiro, Ares, Ferrol, A Coruña, Muros e Corcubión como aquelas que en 2020 teñen "peores datos que en 2019", con 13 puntos de verteduras ilegais máis.

Mentres tanto, Arangüena advirte de 13 zonas de marisqueo clasificadas cun 'C', o que quere dicir que "non se pode extraer" o produto para o seu consumo.

Un panorama “desolador”

Todo este balance deixa un panorama "desolador", tendo en conta que a Xunta "afirma investir 1.100 millóns de euros en saneamento na última década". Ademais, lembra o socialista, o Goberno galego "recibiu centos de millóns de euros" da Unión Europea para estes traballos desde a entrada en vigor do directiva marco de augas no ano 2000.

Así, Pablo Arangüena apela a dar a "máxima protección" ás rías galegas "dado o seu valor ecolóxico", despois do "desastre" que deixan tanto a Xunta como o Executivo español na época de Mariano Raxoi na Presidencia. Isto, lamenta o viceportavoz do PSdeG, traduciuse en "multas millonarias" da UE ao Estado.

Comentarios