PSdeG reclama un plan contra a pobreza e a exclusión social

A deputada socialista, Begoña Rodríguez Rumbo reclama á Xunta da Galiza un plan contra a pobreza e denuncia as políticas sociais do Goberno galego.

A deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo, nunha imaxe de arquivo.
photo_camera A deputada socialista, Begoña Rodríguez Rumbo. (Foto: Nós Diario).

O PSdeG recorre aos datos sobre exclusión social ofrecidos pola Rede Europea contra a Pobreza para denunciar as políticas sociais das autoridades galegas. Neste sentido, os socialistas entenden que favorecen un incremento da pobreza.

Rodríguez Rumbo lembra que “1 de cada 4 galegos e galegas están actualmente en risco de pobreza ou exclusión social, en torno a 678.000 persoas que viven ao límite despois dun proceso de empobrecemento agravado especialmente para as mulleres galegas.

A deputada socialista indica que “o Instituto Galego de Estatística (IGE) apunta a que Galiza ten 50.800 fogares con todos seus membros en paro e 24.700 nos que non entra ningún ingreso”.

A dirixente do PSdeG cualifica de “indolente” a actitude do Goberno galego. Así, acúsao que tras incrementar os orzamentos en 1.239 millóns de euros “anuncia unha baixada de impostos sen complexos aos máis ricos mentres retira a tarxeta básica para as familias que máis o necesitan”.

A parlamentaria advirte que “a tarxeta básica” posibilitou que que 127.000 galegos e galegas non entraran en risco de pobreza no ano 2021”. Neste sentido, demanda á Xunta da Galiza que recupere esta iniciativa.

"Galiza baixa impostos sen complexos"

Rodríguez Rumbo carga contra a baixada de impostos do Goberno galego. Nesta dirección, critica que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, “se atreva a presumir diante dos empresarios da Asociación de Fabricantes e Distribuidores que Galiza baixa impostos sen complexos, porque sempre é moito mellor baixalos que subilos.

A deputada do PSdeG indica que a súa formación vén de presentar unha emenda para retirar as bonificacións fiscais “aos máis ricos”, aos que se lles reduce o Imposto do Patrimonio arredor de 4.500 euros ao ano, cunha baixada dos ingresos para a facenda galega de 35 millóns de euros.

A responsábel socialista demanda á Xunta que execute na súa totalidade os orzamentos destinados a políticas de vivenda, políticas activas de emprego e loita contra a pobreza.

Comentarios