O PSdeG reclama ao Goberno galego axudas aos concellos polo temporal

"É necesario actuar con urxencia nestes municipios", advirte a deputada Leticia Gallego.
Derrubamento esta segunda feira da estrada en Vilamartín (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
photo_camera Derrubamento dunha estrada esta segunda feira en Vilamartín. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

A viceportavoz do grupo socialista, Leticia Gallego, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamar á Xunta da Galiza que aprobe un decreto de axudas urxentes para os concellos que sufriron danos polos temporais de principios de ano.

A parlamentaria socialista reclama axudas para os municipios polas desfeitas ocasionadas polo tren de borrascas que se veñen rexistrando desde o inicio de ano.

Reclámalle ao Goberno galego que acometa "de forma inmediata" a reparación dos danos nas zonas afectadas polas inundacións", diante do perigo que representan, agravado pola continuidade dos episodios de mal tempo no que levamos de ano.

Gallego apunta que os temporais de choiva e vento reflicten "todos os requisitos estabelecidos pola Lei de Emerxencias da Galiza 5/2007 para que o Consello da Xunta aprobe a emerxencia de interese galego e habilite as modificacións orzamentarias necesarias, tal e como estabelece o artigo 36 deste texto legal".

A parlamentaria socialista sinala que "dada a envergadura dos danos, a orixe natural dos mesmos e nas zonas nas que se produciron, afectando a moitos concellos, consideramos que é necesario actuar con urxencia nestes municipios".

Comentarios